9 de maio de 2026

TOMIÑO

Tomiño reclama coordinación institucional e solucións técnicas para a convivencia entre o sector agrícola e veciñanza  

•  A Corporación municipal aprobou en pleno unha declaración conxunta na que se solicita á Xunta que colabore co Concello na elaboración dun proxecto piloto para implementar solucións innovadoras ante os episodios de eclosión das moscas  

 O Concello insta ademais á Consellería de Medio Rural a reforzar os controis no uso de abonos e xestión de residuos agrícolas 

 

No ano 2023 o Concello constituíu unha mesa de traballo aberta e plural na que participan representantes veciñais, comunidades de montes, traídas de augas, sector agrícola, persoal experto e a propia Xunta de Galicia

Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 A Corporación municipal de Tomiño, integrada polos grupos do BNG, PP e PSOE, vén de aprobar en pleno unha declaración conxunta sobre a convivencia entre o sector agrícola e a veciñanza, ante unha problemática recorrente no municipio vinculada ao incremento dos episodios de eclosións de moscas en zonas próximas ao río Miño. 

 O acordo aprobado subliña que non se trata dun fenómeno illado nin recente, senón dunha situación que tamén afecta a outros concellos galegos e que require unha resposta coordinada entre administracións, baseada en datos científicos e no respecto ás competencias de cada organismo. 

 O Concello de Tomiño lembra que leva anos desenvolvendo un traballo activo a través do seu Departamento de Medio Ambiente e da Policía Local, trasladando información e incidencias á Consellería de Medio Rural, administración competente en materia de inspección e control do uso de abonos de orixe agrícola. 

 Ademais, no ano 2023 o Concello constituíu unha mesa de traballo aberta e plural na que participan representantes veciñais, comunidades de montes, traídas de augas, sector agrícola, persoal experto e a propia Xunta de Galicia. Froito dese proceso encargouse un estudo ao Departamento de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo, que concluíu que as eclosións responden á combinación de dous factores principais: o cambio climático e determinadas prácticas de xestión de residuos agrícolas, especialmente os procedentes de explotacións avícolas. 

 A declaración aprobada destaca a importancia de avanzar en solucións compartidas que permitan compatibilizar a actividade agraria, fundamental para a economía local, coa protección ambiental e a calidade de vida da veciñanza. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “este acordo é unha mostra de responsabilidade institucional e de compromiso coa veciñanza e co sector agrícola. O noso obxectivo é claro: garantir a convivencia, protexer a saúde e o benestar das persoas e, ao mesmo tempo, defender unha actividade esencial para o noso territorio”. 

 A rexedora quixo ademais agradecer “a todos os grupos da corporación municipal esa capacidade de chegar a acordos poñendo os problemas da veciñanza por riba de todo e traballando xuntos para buscar solucións”. Neste sentido, Sandra González pediu tamén “a colaboración da Xunta de Galicia para afrontar dunha vez esta problemática e dar resposta ás necesidades reais de Tomiño desde o diálogo, o rigor técnico e a cooperación institucional”. 

 Entre os acordos adoptados, o Concello solicita á Xunta de Galicia a colaboración na elaboración dun proxecto piloto de Estratexia Territorial Integrada, que permita desenvolver solucións innovadoras e baseadas en criterios técnicos para afrontar esta problemática. A iniciativa busca avanzar cara a un modelo que poida ser replicable noutros concellos galegos e mesmo servir de referencia normativa futura. 

 Así mesmo, insta á Consellería de Medio Rural a reforzar as actuacións de asesoramento, inspección e control no uso de abonos e na correcta xestión dos residuos agrícolas, co obxectivo de garantir o cumprimento da normativa e reducir o impacto destas prácticas no territorio. 

 O acordo inclúe tamén o compromiso de intensificar a vixilancia municipal a través do departamento técnico de Medio Ambiente e da Policía Local, así como de reforzar a mesa de traballo existente, incorporando persoal técnico da Xunta, representantes municipais, do sector agrícola e das asociacións veciñais. 

 Con esta declaración conxunta, Tomiño reafirma a súa aposta por un modelo de desenvolvemento equilibrado, no que a actividade agrícola e a vida residencial poidan convivir baixo criterios de sustentabilidade, responsabilidade e cooperación institucional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario