Pontón insta a “ir a por todas” para encher de alcaldías BNG os concellos do Condado e Parandata e facer avanzar a comarca
“Queremos máis servizos, mellores comunicacións e máis calidade de vida en todos os concellos desta comarca”, indicou desde Salvaterra
• Na presentación das cabezas de lista destacou o modelo municipal de calidade do BNG como mellor aval para pedir o apoio dos e das veciñas
Infogauda/Salvaterra de Miño
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación das persoas cabezas de lista das candidaturas do BNG para as alcaldías dos concellos do Condado e Paradanta, nos municipios de Arbo (Diego Gago), A Caniza (Trini Labaca), Covelo (Belén Carballo), Crecente (Luis Lobariñas), Mondariz Balneario (Cesar Gil), Mondariz (Alexandre Estévez), As Neves (Oscar González), Ponteareas (Cristina Fernández), Salceda de Caselas (Salustiano Guerra), Salvaterra de Miño (Patricia Mariño).
De cara ás eleccións do 23M de 2027, Pontón instou a “ir a por todas con paixón, ilusión e esperanza porque nesta comarca queremos ter máis alcaldes como Cesar Gil, máis concellos con gobernos BNG, porque somos unha forza política diferente que só se debe a este País”. Para iso, convidou a redobrar esforzos no ano que queda por diante antes da cita coas urnas.
“O BNG está nun gran momento pero tamén é certo que a leira hai que traballala, poñer o mellor de nós cada día, presentar as mellores candidaturas, os mellores proxectos para cada concello, con ambición e con ilusión, desde a confianza nas nosas propias forzas. Por iso pídovos que todos e todas demos o mellor de nós mesmas para empurrar este gran proxecto que é o BNG a favor dos nosos concellos e a favor de Galiza”, reclamou.
Nese sentido, destacou o modelo municipal de éxito do Bloque, “porque cando gobernamos hai transparencia e igualdade, poñemos ás persoas no centro, aportamos dinamismo económico e social, defendemos servizos públicos de calidade, o noso territorio e unha Galiza de futuro”, explicou.
Con ese aval, Pontón expresou o seu convencemento de que o BNG dará “un gran salto adiante” o 23M, que será a forza que máis medre, fronte a un Partido Popular desleal con Galiza que goberna en contra das maiorías socias, como demostra cos seus recortes e privatizacións da sanidade, a especulación coa vivenda ou cando permite que se faga negocio coa vellez.
No acto que tivo lugar en Salvaterra de Miño, a líder do Bloque subliñou a importancia da Comarca do Condado Paradanta, con concellos que teñen a súa propia identidade, pero que comparten problemas e oportunidades e sobre todo comparten as mesmas ganas de ter un futuro mellor, indicou, a viticultura, o etnoturismo e a gastronomía, o termalismo, o Tea e o Miño ou a conexión con Portugal son elementos comúns que marcan a identidade desta comarca, que desexa avanzar xunta.
O BNG quere que o Condado Paradanta avance, “con máis oportunidades, máis servizos, mellores comunicacións e máis benestar para todos os concellos desta comarca”, explicou na súa intervención.
Mellorar a súa mobilidade entre os concellos e entre estes e as cidades de referencia nesta comarca; a vivenda é outro aspecto clave para ter concellos vivos, explicou Pontón, facilitar o aluguer a familias e á mocidade mellora a calidade de vida dos que xa están e permite atraer xente nova.
Tamén puxo en valor o gran potencial da comarca como xeodestino turístico e gastronómico sostible, co sector do viño como protagonista, as adegas, o etnoturismo xeran emprego e ademais preservan o territorio, así como a fortaleza da industria agroalimentaria a través de pequenas e medianas empresas familiares
Contacto directo coa xente
A política municipal representa o contacto máis próximo coa cidadanía, ese espazo no que o Bloque demostra cada día que gobernar é mellorar a vida das persoas. Por iso, Pontón puxo o modelo municipal de calidade do BNG como “o mellor aval para pedir a confianza da veciñanza cando o 23 de maio do ano que ven se abran as urnas”.
“Temos que seguir avanzando e ese avance depende de cada un e de cada unha de nós, da nosa capacidade de falarlle claro á veciñanza, de explicarlle o noso proxecto e de tender pontes con todas esas persoas que hoxe nos miran con esperanza pero que aínda non deron o paso de coller a papeleta do BNG. Con ese reto convídovos a traballar desde agora mesmo e até o 23 de maio de 2027”, concluíu nun acto no que en nome de todos e todas as candidatas tamén interviron a cabeza de lista por Ponteareas, Cristina Fernández, e a cabeza de lista por Salvaterra, Patricia Mariño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario