5 de maio de 2026

PONTEAREAS

A Deputación visita a Asociación Avelaíña e enxalza a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que este ano achega 210.000 para o fomento da accesibilidade 

• Esta liña de axudas do organismo provincial, cuxo prazo de solicitude permanece aberto ata o 11 de maio, ten por obxectivos mellorar a accesibilidade desde unha perspectiva integral


A deputada provincial Paula Bouzós acaba de visitar as instalacións da Asociación Avelaíña Saúde Mental en Ponteareas
Foto: D.PO.

Infogauda/Ponteareas

 A deputada provincial Paula Bouzós acaba de visitar as instalacións da Asociación Avelaíña Saúde Mental en Ponteareas, onde puxo en valor a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que neste 2026 vai repartir 210.000 € entre entidades para fomentar a accesibilidade universal. Esta liña de axudas do organismo provincial está dirixida a entidades sen ánimo de lucro para a mellora da accesibilidade desde unha perspectiva integral e a promoción da participación activa de todas as persoas en condicións de igualdade e autonomía.  

 A deputada provincial aproveitou a visita para facerlles entrega da placa que distingue á asociación como beneficiaria da última edición de Provincia +Inclusiva. No marco desta liña de axudas, a entidade recibiu preto de 9.000 euros para poñer en marcha NeuroAvanza, unha iniciativa orientada a paliar o deterioro cognitivo, formar e fomentar o uso das novas tecnoloxías como ferramenta clave para eliminar barreiras de comunicación, evitar o illamento social e promover a autonomía persoal das persoas usuarias do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral (CRPL) de Ponteareas, así como doutros programas desenvolvidos pola entidade. O proxecto contempla a adquisición de equipos informáticos e dunha licenza do software de rehabilitación cognitiva NeuronUP, xa en uso no centro.  

 Os recursos da liña de axudas Provincia +Inclusiva, que medraron case un 17% con respecto ao 2024, están dirixidos ás entidades sen fins de lucro da provincia para subvencionar desde obras de mellora da accesibilidade nas súas instalacións, ata os de redacción de proxectos técnicos para executar estas obras, ou de adquisición de sistemas de comunicación ou outros relacionados coa mobilidade e o coidado persoal. As asociacións poderán recibir ata un máximo de 10.000 euros e o prazo de solicitude das axudas permanece aberto ata o 11 de maio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario