Xoias artesanais para comezar os Obradoiros de Primavera do Rosal
• Aberta a inscrición para participar no taller que impartirá areladefe o sábado 23 de maio ás 10.00 h na Casa dos Oficios. Prazas limitadas
Infogauda/O Rosal
A creatividade collerá forma entre limas, metal e texturas no arranque dos Obradoiros de Primavera do Rosal. O Concello abrirá esta nova edición cun taller de xoiería artesanal pensado para converter unha mañá de aprendizaxe nunha experiencia creativa e única arredor da ourivaría contemporánea.
A primeira proposta deste ciclo será un obradoiro de xoiería artesanal impartido por areladefe no que as persoas participantes elaborarán unha pulseira ríxida texturizada en metal empregando técnicas sinxelas de orfebrería. A actividade terá lugar o sábado 23 de maio, de 10.00 a 14.00 horas na Casa dos Oficios.
Dirixido a público sen necesidade de experiencia previa, o taller permitirá achegarse ao traballo artesanal co metal dun xeito accesible e práctico, coñecendo materiais, ferramentas e procesos básicos da xoiería artesanal. Ademais, cada participante poderá crear unha peza persoal e única que levará consigo ao rematar a actividade.
A iniciativa forma parte dos Obradoiros de Primavera impulsados polo Concello, unha programación aberta a toda a veciñanza aínda que con especial prioridade para a mocidade menor de 30 anos, co obxectivo de fomentar actividades formativas, culturais e creativas que impulsen o talento, a participación e o lecer activo.
Como sinalou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “estes obradoiros son unha oportunidade para aprender, compartir experiencias e descubrir novas habilidades a través de propostas diferentes e atractivas. Queremos seguir creando espazos nos que a veciñanza poida desfrutar da cultura e da creatividade dun xeito próximo e participativo”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, salientou a aposta municipal “por ofrecer actividades accesibles e dinámicas pensadas especialmente para a xente nova, creando alternativas de lecer que tamén permiten coñecer oficios artesanais e desenvolver a imaxinación e a expresión persoal”.
O taller contará con prazas limitadas para 10 persoas e terá un prezo de 17 euros. As inscricións poden realizarse premendo nesta ligazón.

Ningún comentario:
Publicar un comentario