A GUARDA ACOLLERÁ O II TORNEO 3X3 INTERESCOLAR ORGANIZADO POLO CLUB BAIXO MIÑO BASKET
• Este sábado, 30 de maio, a partir das 10:00 horas, no pavillón do IES A Sangriña, seis equipos de alumnado de 5º e 6ª de Educación Primaria de centros educativos da Guarda, participarán nesta edición
Foto:CAG
Infogauda/A Guarda
A Guarda acollerá este sábado, 30 de maio, a segunda edición do Torneo 3x3 Interescolar organizado polo Club Baixo Miño Basket en colaboración co Concello da Guarda, unha cita deportiva e de convivencia dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros educativos do municipio.
Hoxe tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello a presentación oficial do evento, nun acto no que estiveron presentes o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, e membros da directiva do club organizador.
O campionato desenvolverase no pavillón do IES A Sangriña a partir das 10:00 horas e contará coa participación de seis equipos formados por nenos e nenas dos colexios CPR Padres Somascos – Fundación Edúcere; Colexio San José – Hermanas Carmelitas A Guarda; CEIP Plurilingüe As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campo; CEIP Manuel Rodríguez Sinde; e CEIP A Sangriña.
Ao longo da xornada combinarase a práctica deportiva cun ambiente lúdico e participativo, no que haberá sorteos, agasallos e concursos abertos tamén ao público asistente, entre eles o denominado “triple espectador”.
Esta iniciativa, organizada polo Club Baixo Miño Basket coa colaboración do Concello da Guarda, consolídase tras o éxito da súa primeira edición como unha proposta que fomenta os valores do deporte base, o compañeirismo e os hábitos de vida saudables entre a mocidade.
O Club Baixo Miño Basket desenvolve, ao longo de todo o ano, diferentes actividades deportivas no municipio como campamentos e torneos para todas as idades.

Ningún comentario:
Publicar un comentario