14 de maio de 2026

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez disertará sobre Língua, Política Lingüistica e Escola. Unhas reflexións desde a historia da educación

 Será este venres, 15 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos




Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

  A Asociación Cultural Rego de Bicosan e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos convidan a celebrar o Día das Letras Galegas 2026. 

 E un magnífico xeito de facelo é, por exemplo, asistindo a conferencia que o profesor Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, ofrecerá este venres, día 15 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. 

 A intervención de Xosé Manuel Malheiro - membro da xunta reitora da Comunidade de Montes de Camposancos -,  leva por título “Lingua, política lingüística e escola. Unhas reflexións desde a historia dá educación”. 

 Esa actividade forma parte da programación organizada con motivo das Letras Galegas 2026 e conta coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos. 

 Con ese evento os organizadores brindan a posibilidade de abrir un espazo de reflexión e debate sobre o papel da lingua galega e a súa relación co ámbito educativo e as políticas lingüísticas ao longo da historia. 

 Desde a organización animan á veciñanza e a todas as persoas interesadas na cultura e a lingua galega a participar nesta cita cultural en Camposancos.

Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez

 Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez, nado en Moxico (Angola) o 3 de xaneiro de 1961, é un profesor e escritor galego. 

 Mestre e doutor en Filosofía e Ciencias da Educación (Pedagoxía) pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi director das Escolas Obradoiro de Terra de Montes (Forcarei, 1992-1995), A Xuventude II (Cambados, 1995-1998) e Restauración IV (Tui, 1998-2000). Traballou nas universidades de Vigo (2001-2002) e Santiago de Compostela (2003-2008). Desde 2008 é profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña. Investiga sobre os procesos migratorios e as súas implicacións na escola; o contido dos manuais escolares; o emprego das imaxes fotográficas e o cinema como recursos no estudo da memoria escolar.

Obras 

 A Escola da Bandeira. Unha nova escola en Galicia (1909-1936), 2000. Fomento de la Instrucción Gallega, 2002 (coord.). A Herdanza da emigración ultramarina, 2004. Os lalinenses en América. Proxectos educativos e organización escolar. 2005. As escolas de emigrantes e o Pensamento Pedagóxico: Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos, 2006. Nicolás Gutiérrez Campo. O recordo dun bo mestre, dun home bo, 2007.

Ningún comentario:

Publicar un comentario