7 de maio de 2026

A GUARDA

Cruz Vermella en Baixo Miño conmemora o 8 de maio e presenta o seu balance de 2025  

• O Día Mundial do Movemento Internacional da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella conmemórase o 8 de maio en todo o mundo. 

• Cruz Vermella en Baixo Miño atendeu a 998 persoas na comarca durante o 2025, coa colaboración de 42 persoas voluntarias activas.  


Neli Rodríguez / A Guarda

 Este venres, 8 de maio, celébrase o Día Mundial da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella para conmemorar o nacemento do seu fundador Henry Dunant. Para celebralo, levaranse a cabo diferentes actividades en todos os puntos da provincia. En concreto, en Baixo Miño, o venres 8 de maio levarase a cabo unha xornada de portas abertas, entre as 11.30 e as 13.30 horas, na sede da organización na rúa Baiona, nº 1 Baixo B (A Guarda). Aproveitarase a ocasión para ensinar as nosas instalacións mentres desenvolvemos a nosa actividade habitual e para explicar como melloramos a vida das persoas a través dos proxectos que Cruz Vermella desenvolve na cidade. Todas as persoas interesadas poden achegarse nesa franxa horaria.  

Datos 2025 

 Cruz Vermella en Baixo Miño fixo balance da actividade realizada durante o último ano, que beneficiou a máis de 998 persoas en toda a comarca, ofrecendo 5.470 respostas, e que en toda a provincia alcanza máis de 24.300 persoas. Unhas cifras que non son só un número para a Institución, pois cada dato ten detrás un nome e apelidos, un rostro e unha voz. Coa premisa central de traballar nunha ‘Cruz Vermella das persoas’, a Institución estivo ao lado da poboación, especialmente a que se atopa en situación de vulnerabilidade ofrecendo as mellores e máis rápidas respostas ás necesidades de cada unha, a través das seis áreas de coñecemento: Socorros, Inclusión Social, Emprego, Saúde, Educación e Medio Ambiente.  

 Durante este período, a atención desenvolveuse con diferentes colectivos como o programa de persoas maiores, con 473 usuarios na comarca nos proxectos de teleasistencia domiciliaria, axuda a domicilio complementaria, envellecemento saudable ou apoio a coidadores. Outro dos piares imprescindibles son os programas de intervención social no que se atende a mulleres en dificultade social, persoas sen fogar, inmigrantes, familias acolledoras ou persoas con discapacidade, entre outros, e que permitiu chegar a 267 beneficiarios na comarca.   

 Na área de Medio Ambiente foron especialmente significativas as recollidas de lixo que se desenvolven varias veces ao ano. Desde esta área tamén se traballa o aforro enerxético, de modo que supoña un alivio económico para as familias á vez que se coida o planeta.   

 Cabe destacar tamén o importante labor realizado polo equipo de Cruz Vermella Mocidade con 222 menores e mozos que participaron nos programas de educación para a saúde, promoción do éxito escolar ou os centros de mediación social.  

 En Cruz Vermella contamos cun importante apoio social reflectido entre nas máis 800 persoas socias, alén de institucións públicas e particulares que cada día achegan o seu granito de area para poder facer realidade estes obxectivos. Igualmente é imprescindible a colaboración das 850 persoas voluntarias activas, 42 só na comarca de Baixo Miño, que co seu tempo e ganas fan posible o desenvolvemento de todas as actividades e permítennos estar cada día máis preto das persoas que máis nos necesitan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario