O BNG DESTAPA QUE SÓ A RESTAURACIÓN DO XARDÍN DA CASA DE D. ELOI SUPERARÍA POR MOITO O MILLÓN E MEDIO DE EUROS
• Anxo Lois Baz Vicente esíxelle ao alcalde da Guarda “que explique por qué ocultou este informe técnico desde o pasado mes de marzo”
Integrantes do Grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, ao remate do pleno ordinario celebrado onte na Casa do Concello da Guarda
Foto: GMBNG
Infogauda/A Guarda
O BNG desvelou no último pleno municipal - celebrado na tardiña de onte mércores, 27 de maio na Casa do Concello -, “un informe técnico que o Concello da Guarda mantiña oculto desde o pasado mes de marzo. O documento revela que os traballos de rehabilitación do xardín da Casa de Don Eloi ascenderían a 1.558.000 euros (sen IVE)”. Segundo sinalan os nacionalistas, “esta cifra non inclúe varias zonas da finca que non se puideron calcular debido ao estado da vexetación, nin as infraestruturas danadas do xardín, nin o custo de rehabilitación e mantemento futuro do inmoble”.
O portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz, Vicente cualificou de "escándalo" que o goberno local ocultase estes datos. Baz criticou “que o alcalde, Roberto José [Álvarez] Carrero, continúe adiante cunha compra millonaria sen dispor de ningún informe económico-financeiro nin dun plan de usos para o espazo”. “Vostede é o alcalde da Guarda para defender os intereses da maioría e solucionar os problemas urxentes, non para gobernar a golpe de ocorrencias co diñeiro de todos os veciños e favorecer non se sabe moi ben a quen”, afeou o portavoz nacionalista durante a súa intervención no pleno.
Baz conclúiu a súa intervención decindo “dea algún paso firme para dotar A Guarda dun auditorio, ofrézalle a Xunta de Galiza terreos para a construción de vivenda pública ou para un centro de día público para maiores, faga un plan de usos para a Fortaleza [de Santa Cruz] ou poña en marcha un proxecto de mantemento eficaz para o rueiro da Guarda. Abandone as ocorrencias e voten a favor da proposta do BNG para adicar os fondos que pretende malgastar na casa en investimentos necesarios e urxentes para a sociedade guardesa”.
O voto en contra do PP e Fariñas impediu que a proposta nacionalista fora aprobada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario