Claxxon amenizará a primeira verbena das Festas de San Telmo este venres
• Foliada no Espazo Feiral, e circo para público familiar con Henriko, completan a programación do día
Infogauda / Tui
A rúa Compostela acollerá este venres a primeira verbena das Festas de San Telmo 2026, que estará amenizada pola orquestra Claxxon. Con dous pases —o primeiro de 21:00 a 22:00h e o segundo de 24:00 a 02:00 h— este grupo galego fará un percorrido polos mellores temas de rock e pop dende os anos 70 até a actualidade.
Este venres tamén terá lugar a Foliada das festas no Espazo Feiral a partir das 22:00 h. Unha festa de música marcada polo son de pandeiretas, con bailes populares e mantendo viva a tradición galega.
Previamente, ás 18:00 h no Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, haberá unha actuación de circo, humor e malabares con Henriko e o seu espectáculo Todotrucazos. É a historia dun artista circense que, tras cumprir 40 anos, decide volver aos escenarios e retomar o espectáculo individual que tiña xunto ao seu irmán.
A actuación do grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza, de Randufe, prevista para mañá no Teatro Municipal aprázase para o venres 15 ás 21:00 h. A suspensión para este venres e o adiamento débese ao pasamento dun familiar dunha das persoas desta agrupación. As persoas que tiñan mercada a entrada para este venres recibirán de xeito automático a devolución do importe aboado. As entradas para a nova data, 15 de maio, poranse á venda a mesma semana da función.
Tui prepárase así para a fin de semana grande das festas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario