23 de abr. de 2026

A GUARDA

O Concello da Guarda avanza na prolongación da rúa Baixo Muro  

A prolongación permitirá unha mellor accesibilidade evitando tramos de escaleiras e costas 


Cando se execute a urbanización proxectada, A Congostra comunicará as rúas Baixo Muro e A Ireira



Infogauda / A Guarda

 No día de hoxe, xoves, 23 de abril de 2026, o executivo municipal que preside o alcalde Roberto José Álvarez Carrero, vén de facer pública á seguinte nota:

 "O Concello da Guarda avanza na prolongación da rúa do Baixo Muro e a súa conexión coa rúa Ireira. Tras a compra no 2025 da propiedade da rúa Ireira,10, o Concello solicitou este ano á Deputación de Pontevedra unha subvención de 106.000€, a través do Plan +Provincia, para o comezo da execución do proxecto.  

 Con este proxecto a rúa do Baixo Muro obterá unha mellor accesibilidade, evitando tramos de escaleiras que dificultan ou impiden o paso de persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas ou carriños infantís. Ademais, tamén facilita o acceso da veciñanza á praza de abastos, eliminando as barreiras arquitectónicas e reducindo os tempos.  

 O proxecto contempla a demolición da parcela da propiedade, instalando un par de bancos e pequenas árbores para embelecer a rúa e proporcionar unha pequena zona de descanso".

Nota da Redacción de Infogauda

 Ainda que non todas as persoas veciñas de A Guarda o saiban, o camiño que vai desde as escaleiras da rúa rúa Colón - na cota da rúa Baixo Muro - en dirección a rúa Ireira, chámase A Congostra, segundo varias referencias orais recollidas pola Redacción deste xornal transfronteirizo. Coidamos que sería oportuno conservar ese topónimo no acervo guardés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario