Nadando na incerteza
O novo libro-disco da cantautora galega Sés
• Será presentado o vindeiro sábado 25 de abril, ás 12:00 horas, na sede da Confraría de Pescadores da Guarda, nun encontro aberto a todo o público
Infogauda / A Guarda
Ormaluga (Organización de Mariñeiros/as Luso-Galaica) xunto coa asociación Piueiro e a Confraría de Pescadores Santa Tecla, organizan a presentación de Nadando na incerteza, o novo libro-disco da cantautora galega Sés.
O acto terá lugar o vindeiro sábado 25 de abril, ás 12:00 horas, na sede da Confraría da Guarda, nun encontro aberto a todo o público.
A cita consistirá nunha conversa coa artista, que afondará nun dos seus proxectos máis íntimos, valentes e humanos. A proposta destaca polo seu formato singular: un libro-disco no que cada unha das cancións se acompaña dun texto escrito pola autora, permitindo ao público mergullarse no proceso creativo e no universo emocional de cada peza.
Publicado a finais de 2025, Nadando na incerteza supón unha nova etapa na traxectoria de Sés, cun traballo acústico no que a palabra e a honestidade artística son o eixo central. A obra constrúe un relato profundamente humano sobre a incerteza, a resistencia e a vida cotiá, conceptos especialmente próximos á realidade da xente do mar.
A elección do 25 de abril engade unha dimensión simbólica ao encontro. A data conmemora a Revolución dos Cravos en Portugal, un fito histórico que converteu a música nunha ferramenta de liberdade e transformación social. Cancións como Grândola, Vila Morena funcionaron como sinal e símbolo dun movemento colectivo que abriu as portas á democracia, lembrando o poder da cultura como motor de cambio.
Neste contexto, a presentación na Guarda —vila fronteiriza e profundamente ligada a Portugal— reforza esa conexión coa liberdade e coa identidade compartida a través do Atlántico. O mar, tan esencial para a vida da Guarda e tan presente no imaxinario da obra de Sés, convértese aquí en metáfora: un espazo de incerteza, pero tamén de loita e liberdade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario