5 de feb. de 2026

TOMIÑO

Tomiño sobe ao podio para celebrar o seu talento deportivo  

 A IX Gala do Deporte reunirá este sábado, 7 de febreiro, ás 20.30 horas, no auditorio de Goián, a deportistas, clubs e veciñanza nunha noite de recoñecemento e orgullo colectivo. Entrada de balde  


Foto de familia da Gala do Deporte celebrada en 2025
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 O éxito deportivo mídese en marcas e medallas, pero tamén se constrúen a base de constancia, compañeirismo e esforzo compartido. Tomiño celebrará este sábado 7 de febreiro ás 20.30 horas a IX Gala do Deporte, unha cita xa consolidada que converterá o Auditorio de Goián no escenario no que render homenaxe ás e aos deportistas locais, ás entidades e clubs e aos eventos que fixeron do 2025 un gran ano para o deporte no municipio. 

 A gala, aberta a toda a veciñanza, quere poñer en valor non só os logros individuais, senón tamén o traballo colectivo que sostén o tecido deportivo de Tomiño. Unha noite pensada para recoñecer traxectorias, inspirar ás novas xeracións e reforzar o sentimento de comunidade arredor do deporte. 

 Durante o acto entregaranse, entre outros, os premios ás e aos mellores deportistas individuais femininos e masculinos, ao mellor evento deportivo, ao mellor club base ou mencións especiais a aqueles que deixaron pegada no ámbito deportivo. Ademais, esta edición contou de novo coa participación directa da veciñanza na elección dos gañadores a Mellor Deportista Masculino Absoluto, Mellor Deportista Feminina Absoluta e Mellor Evento Deportivo, xa que se tivo en conta un 30% do voto popular, recollido a través dunha enquisa na web municipal, e un 70% do voto do xurado, reforzando así o carácter participativo da gala. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, subliñou que “esta gala é un recoñecemento a persoas que levan o nome de Tomiño moi lonxe e que representan valores como o esforzo, a disciplina e o compromiso. O deporte é unha ferramenta fundamental de cohesión social e nesta noite queremos celebralo xuntas e xuntos”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes e Benestar Social, Rubén García, convidou á veciñanza a asistir a este evento que “non é só unha entrega de premios, é unha festa do deporte tomiñés. Haberá actuacións de música en directo e sorpresas que farán desta unha xornada especial. Queremos que as deportistas e os deportistas sintan o apoio da súa xente”. 

 Entre as candidaturas a Mellor Evento Deportivo 2025 figuran citas tan destacadas como a II San Silvestre Tomiñesa, a II BTT Transfronteiriza, a IV BTT Terras de Tomiño e Florentiña, a velada de boxeo ‘A Lenda continúa’, o Rallymix Serra do Argallo-Figueiró, a II Gladiator Junior da Eurocidade Cerveira-Tomiño, o II Torneo ‘O Camiño de Pablo Durán’ e o III Torneo de Petanca Concello de Tomiño. 

 No apartado de deportistas individuais, as candidaturas recollen nomes ligados a disciplinas tan diversas como piragüismo, BTT, paracanoe, boxeo, fútbol, tiro con arco, tiro ao voo, bolos celtas, ciclismo, patinaxe artística, judo, taekwondo ou remo. Están nominadas e nominados Uxía Rodríguez, Anahí Álvarez, Carmen Figueroa, Laura Silva, Luana Alonso, Raquel Morell, Zaira Lamas, Carla Pérez, Adrián Millán, David González Mella, Diego Álvarez, Manuel Ochoa, Carlos López, Pablo Durán, Roi Rodríguez, Alejandro Martínez, Pedro Domínguez, Roberto Millán e Jorge Álvarez. 

 A IX Gala do Deporte promete ser unha noite para aplaudir, emocionar e recoñecer que o deporte en Tomiño é moito máis ca competición: é identidade, esforzo compartido e futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario