O PSOE da Guarda canaliza demandas reais e acada acordos no pleno
• Logrando o apoio unánime da Corporación para dúas mocións: a transparencia na facturación do abastecemento de auga e a seguridade peonil nun tramo da rúa Donantes de Sangre
Infogauda / A Guarda
O Grupo Municipal Socialista da Guarda conseguiu o apoio unánime da Corporación para dúas mocións que abordaban cuestións de relevancia para a veciñanza: a transparencia na facturación do abastecemento de auga e a seguridade peonil nun tramo da rúa Donantes de Sangre.
A primeira das iniciativas fai referencia á facturación do servizo municipal de abastecemento de auga, tras detectarse que, desde que a ORAL da Deputación de Pontevedra, asumiu a recadación, os recibos deixaron de incluír información básica como as lecturas anteriores e actuais dos contadores. Esta situación dificulta que a cidadanía poida comprobar ou contrastar o consumo facturado e limita as posibilidades de reclamación.
Desde o Grupo Municipal Socialista lembraron que a normativa municipal reguladora do servizo de abastecemento de auga, no seu artigo 43, establece de maneira expresa que esta información debe figurar obrigatoriamente nos recibos. Por este motivo, a moción aprobada insta ao Concello a esixir á Deputación a inclusión deses datos nos recibos bancarios, garantindo desta forma unha información clara, transparente e accesible para toda a veciñanza, tendo en conta especialmente ás persoas maiores ou con dificultades para acceder a medios dixitais.
A segunda moción aprobada responde a unha demanda veciñal da rúa Donantes de Sangre, onde existe unha carencia evidente de beirarrúas nun tramo moi utilizado para os desprazamentos a pé cara ao centro da vila. A falta de continuidade das beirarrúas obriga ás persoas a camiñar polo arcén, nalgúns puntos moi estreito, xerando unha situación de risco, especialmente para persoas maiores, con mobilidade reducida, usuarias de cadeiras de rodas ou familias con carriños de bebés.
Desde o PSOE da Guarda puxéronse tamén de manifesto os riscos existentes na contorna do cruzamento co Camiño de Lamela, onde realiza parada o autobús escolar, ao non existir espazos seguros para o tránsito peonil. A moción obriga agora ao Concello a iniciar os trámites necesarios para a dotación de beirarrúas neste tramo da rúa, garantindo criterios de accesibilidade universal, así como a avaliación da seguridade viaria na zona da parada escolar.
A portavoz do Grupo Municipal Socialista, Fátima Rodríguez, valorou positivamente o respaldo unánime do pleno, destacando que “o PSOE da Guarda seguirá escoitando á veciñanza e levando ao pleno propostas concretas e útiles, unha forma de traballar que define o proxecto co que aspira a gobernar a vila, fronte ao modelo actual baseado máis en posar para a foto que na xestión”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario