2 de feb. de 2026

A GUARDA

A XUNTA DE GALICIA APROBA DEFINITIVAMENTE O PROXECTO DA SENDA DA GUARDA ATA CAMPOSANCOS, QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE PRETO DE 1,3 M€

• O itinerario peonil e ciclista continuo aproveitará a traza da PO-352 que circunvala o monte Santa Trega 

• A senda discorrerá paralela á estrada autonómica, en dous treitos de case tres quilómetros, para o acceso da poboación que vive na súa traza ao centro da Guarda, ao cemiterio ou aos establecementos industriais da zona 

 A Xunta prevé licitar a execución das obras xa neste primeiro trimestre do 2026 


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantIvo un encontro o martes 14 de maio de 2024, co alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e membros do goberno municipal, no que lle trasladou o compromiso da Xunta de Galicia para a habilitación da futura senda ao redor do Monte Santa Trega
Foto: X.G.
Infografía co trazado da senda na estrada autonómica PO-352 entre o núcleo urbano da Guarda con Camposancos, presentada pola conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, na súa visita ao concello da Guarda, o 19 de decembro de 2024
Fonte: X.G.

Infogauda / A Guarda

 O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe definitivamente o proxecto construtivo dunha nova senda na estrada autonómica PO-352 entre o núcleo urbano da Guarda con Camposancos, cuxa execución suporá un investimento de preto de 1,3 M€ (1.290.643 €). 

 Este novo itinerario peonil e ciclista discorrerá paralelo a esta vía autonómica que circunvala o monte Santa Trega, ao longo de aproximadamente 3 quilómetros, dividido en dous treitos (entre os p.k. 1+910 e 4+040 e entre o 5+210 e o 5+950). Así, a senda discorrerá entre o citado espazo - estrada de Circunvalación ao monte Santa Trega - e a zona costeira, configurando un itinerario cun alto valor paisaxístico e cultural. 

 Logo da aprobación hoxe do proxecto construtivo, prevese realizar a convocatoria do levantamento das actas previas para as expropiacións e, posteriormente, considérase que as obras se licitarán xa neste primeiro trimestre deste 2026. O prazo de execución dos traballos é de oito meses.  

 A citada estrada PO-352 conta maioritariamente con tráfico local e, na actualidade, carece de zonas destinadas ao tránsito peonil agás na zona urbana existente entre os dous tramos de actuación, na cal existen beirarrúas. 

 Deste xeito, o itinerario peonil e ciclista continuo e seguro conectará coas citadas beirarrúas e permitirá o acceso á poboación que vive na súa traza ao núcleo urbano da Guarda, ao cemiterio ou a un importante establecemento industrial existente na zona. 

Características 

 A nova senda executarase á mesma cota da PO-352, de maneira que non se afecte a drenaxe actual da estrada. Por outra parte, prevese separar a senda da estrada creando unha berma intermedia que permita futuras ampliacións. 

 Así, a senda proposta contará cunha sección tipo de 2 metros de ancho, aínda que nalgún punto é preciso reducir esta dimensión para respectar algunha edificación pola existencia dalgún obstáculo (edificacións), e será de formigón de cor terrizo. 

 Ademais, para a execución deste itinerario, será preciso ampliar a plataforma de traballo, para o cal se realizarán once muros de contención de terras cunha altura máxima de 2 metros. Na actuación inclúense tamén as obras de drenaxe necesarias, así como a execución de 365 m de cunetas de seguridade. 

 As intervencións nas redes de servizos consistirán na execución de canalizacións baixo as sendas para o futuro soterramento das liñas aéreas e en recuamentos de postes e de cinco puntos de luz que se ven afectados polo trazado da senda. 

 O Goberno galego segue a traballar en actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada, mellorando e favorecendo nos municipios unha mobilidade máis sustentable, cómoda e segura. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario