A OMIX de Tomiño activa o talento da mocidade
• Tres novos cursos de monitor de tempo libre, chinés e defensa persoal dan o pistoletazo de saída a unha programación na que cada ano participan centos de mozos e mozas
Infogauda / Tomiño
Aprender un novo idioma, prepararse para o mundo laboral ou adquirir ferramentas para sentirse máis seguro e segura: en Tomiño, o ano comeza coa mocidade en movemento. A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) dá o pistoletazo de saída ao seu calendario de actividades cunha nova remesa de cursos formativos dirixidos a diferentes idades e intereses, consolidando unha programación que cada ano implica a centos de tomiñeses e tomiñesas.
A primeira das propostas é o curso en liña de chinés A1.1, unha formación de 30 horas pensada para persoas sen coñecementos previos que queiran iniciarse nesta lingua e na cultura chinesa. Impartido por profesorado nativo, o curso céntrase no desenvolvemento das catro competencias lingüísticas cun enfoque práctico e comunicativo, facendo especial fincapé nas particularidades do idioma como a transcrición fonética pinyin ou os caracteres. As clases desenvolveranse entre o 4 de febreiro e o 29 de abril, en horario de mércores e sábados de 19.00 a 21.00 horas, cun prezo de 35 euros. Inscricións xa abertas na web municipal.
Outra das apostas fortes da OMIX é o curso oficial de monitor/a de tempo libre, unha formación de 350 horas que combina contidos teóricos e prácticos e que permite obter o título expedido pola Xunta de Galicia. Dirixido a persoas maiores de 18 anos, este curso abre portas no ámbito profesional do lecer educativo e ofrece tamén unha valiosa experiencia persoal. A fase formativa desenvolverase entre o 21 de febreiro e o 29 de marzo na Escola Obradoiro de Goián, con posibilidade de realizar as prácticas no campamento urbano municipal durante o verán. Terá un prezo de 200€ e xa ten abertas as súas inscricións na web.
Completa esta oferta o curso de defensa persoal, organizado pola Concellería de Deportes e impartido por profesorado de judo do Club Trasno. Trátase dunha actividade práctica e realista, dirixida a maiores de 16 anos, na que se aprenderán técnicas sinxelas de executar para responder ante situacións de agresión máis comúns. As sesións celebraranse os días 14, 21 e 28 de febreiro no pavillón de Goián, en horario de 10.30 a 13.00 horas, e serán totalmente gratuítas. As persoas interesadas poden inscribirse xa na web do Concello.
Desde o Concello destácase que esta programación responde a unha aposta clara pola formación, a autonomía persoal e as oportunidades de futuro da mocidade, reafirmando a OMIX de Tomiño como un servizo de referencia, dinámico e próximo, que adapta a súa oferta ás inquedanzas reais da veciñanza nova e promove unha participación activa ao longo de todo o ano.



Ningún comentario:
Publicar un comentario