30 de xan. de 2026

O ROSAL

O Rosal volve alzar a voz en defensa da sanidade pública   

 O Concello aprobou en pleno unha moción de apoio á manifestación de SOS Sanidade Pública de Galicia convocada para o domingo, 1 de febreiro en Santiago  


Coa aprobación da moción respaldada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal, o Concello do Rosal manifesta formalmente o seu rexeitamento ás actuais políticas sanitarias da Xunta de Galicia e reafirma o seu compromiso coa defensa dun sistema público, universal e accesible

Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 Cando a saúde deixa de ser un dereito garantido e comeza a depender do nivel de renda, as institucións teñen a obriga de posicionarse. O Concello do Rosal aprobou no último pleno municipal unha moción para amosar o seu respaldo á mobilización convocada por SOS Sanidade Pública de Galicia o vindeiro 1 de febreiro en Santiago de Compostela. A proposta, que tiña o respaldo da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal,  contou cos votos a favor dos grupos do Goberno municipal BNG e PSOE e coa abstención do Partido Popular. 

 A iniciativa nace da crecente preocupación pola situación do sistema sanitario público galego, que nos últimos anos vén sufrindo un proceso continuado de deterioro, especialmente no ámbito da Atención Primaria. As dificultades para conseguir cita médica, o incremento das listas de espera e a derivación de pacientes a centros privados están a debuxar, segundo as plataformas en defensa da sanidade, un modelo sanitario desigual que deixa atrás a boa parte da poboación. 

 No caso concreto do Rosal, esta realidade tradúcese nunha falta recorrente de persoal médico no centro de saúde, chegando a darse situacións nas que a atención queda reducida a un único facultativo ou mesmo sen ningún profesional médico dispoñible, o que supón un risco evidente para a veciñanza, especialmente para persoas maiores, doentes crónicos, mulleres embarazadas ou infancia. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou que “defender a sanidade pública é defender a igualdade e a dignidade das persoas. Non podemos permitir que se siga debilitando un servizo esencial que debe garantir atención sanitaria de calidade a toda a poboación, viva onde viva e teña os recursos que teña”. A rexedora engadiu que “desde o Concello temos a responsabilidade de escoitar á veciñanza e trasladar á Xunta de Galicia o malestar existente ante unha política sanitaria que está afastando a sanidade pública da cidadanía”. 

 Coa aprobación desta moción, o Concello do Rosal manifesta formalmente o seu rexeitamento ás actuais políticas sanitarias da Xunta de Galicia e reafirma o seu compromiso coa defensa dun sistema público, universal e accesible. Ademais, anima á veciñanza a participar na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública de Galicia, unha mobilización que busca lembrar que a sanidade pública non é un privilexio, senón un dereito conquistado que cómpre protexer colectivamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario