7 de xan. de 2026

ECONOMÍA

A Deputación remata o III Programa de Crecemento Empresarial nas contornas de Vigo e O Baixo Miño

 Nove empresas de Cangas do Morrazo, Gondomar, A Guarda, Ponteareas, Tomiño e Vigo levan tres meses participando nunha iniciativa de SmartPeme+ para apoiar proxectos en fase de crecemento que buscan consolidarse e mellorar a súa competitividade




Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra remata este mércores os tres meses de formación dos que se están a beneficiar os nove proxectos seleccionados para participar no III Programa de Crecemento Empresarial centrado nas contornas de Vigo e O Baixo Miño. Trátase dunha iniciativa enmarcada en SmartPeme+ que permite apoiar empresas destas dúas comarcas que se atopan en fase de crecemento e buscan consolidarse no mercado, así como mellorar a súa competitividade e sustentabilidade.  

 Os proxectos que participan neste programa pertencen aos concellos de Cangas do Morrazo, Gondomar, Ponteareas, Tomiño e Vigo, e son os seguintes: Infomiño Expansión 360, de Jorge Alonso Daldea; Hotel y Apartamentos Rodeiramar, de Mercedes Rodal Mallo; Cometa de menta, de Mónica Fernández Fernández; Gandería Os Bravos, de Hugo Martínez Villar; Liño e Lá, de Anahí Cachaza Valeiro; BY César Moreno, de César Augusto Moreno Rojas; Grandma Sita, de Elena Jiménez romero; Nicoletos, de Ayelén Núñez Fernández; e Leather Studio Vigo, de Antonina Kadyrova.  

 Tralo remate do programa celebrarase unha xornada de presentación dos proxectos, na que se premiará a mellor iniciativa empresarial cun cheque valorado en 500 € destinado a formación especializada. O xurado valorará aspectos como a súa evolución durante o programa, o seu impacto na provincia de Pontevedra, a viabilidade do proxecto, a incorporación de elementos innovadores e a súa estratexia de desenvolvemento dixital.  

 As nove empresas levan recibindo desde outubro un programa de asesoramento personalizado, con asistencia a once sesións formativas nas que se abordan temáticas como o emprendemento dixital, o uso de ferramentas de deseño e tamén metodoloxías innovadoras como Lego Serious Play. Os programas comarcais de crecemento empresarial de SmartPeme+ comezaron en 2024 en Lalín coa participación de seis proxectos da Estrada, Lalín e Silleda, co obxectivo de contribuír desde a administración pública a fortalecer o tecido empresarial local da provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario