19 de xuño de 2026

TUI

A Xunta de Galicia avanza nas obras do novo treito da vía de altas prestacións AG-42 Tui- A Guarda, que prevé rematar no vindeiro 2027 

A conselleira destacou que os traballos, que supoñen 3,2 novos quilómetros deste viario entre o enlace do polígono de Areas ata a PO-350, achéganse ao 50% de execución 


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe estes traballos no concello de Tui
Foto: XG

Infogauda/Tui

 A Xunta de Galicia avanza nas obras do novo treito da Vía de Altas Prestacións AG-42 Tui-A Guarda, que prevé rematar no vindeiro ano 2027. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe os traballos no concello de Tui.  

 A actuación sumará 3,2 novos quilómetros a esta vía de altas prestacións, entre o enlace do polígono de Areas ata a PO-350, nos concellos de Tui e Tomiño. Os traballos comezaron o pasado verán e a conselleira destacou que están preto do ecuador, con ao redor do 50% da actuación executada, coa previsión de finalizalas no vindeiro 2027.   

 Neste senso, están avanzadas ou en execución algunhas das intervencións máis significativas, como os movementos de terra que xa permiten divisar a traza da estrada. Ademais, xa comezou a dispoñerse parte do firme, avanzouse no drenaxe, nas canalizacións de servizos e está xa rematado o paso inferior na zona de Areas.  

 Allegue subliñou que con este novo treito, no que se invisten case 18M€ (17,7M€), dáse continuidade ao da conexión da A-55 co polígono de Areas. A actuación beneficiará a unha poboación de máis de 31.000 persoas e supón, ademais, un treito clave para facilitar o acceso e a mobilidade no polígono empresarial de Areas.  

 Lembrou o compromiso da Xunta para seguir vertebrando a comunidade e sumando quilómetros de estradas de altas prestacións “porque Incrementando estes viarios gañamos en conectividade e gañamos en competitividade”, apuntou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario