BALONMÁN FEMININO
O Guardés inaugura 2026 cun apertado calendario
• O equipo baixomiñoto diríxese á segunda metade da tempada afrontando un esixente período, que condensa oito partidos en algo menos dun mes
• A visita ligueira ao Bera Bera, os oitavos de final da EHF European Cup e a segunda fase da Copa da Raíña son as datas máis destacadas do calendario
• A primeira cita será este sábado ás 19.00 horas na Sangriña, recibindo ao Zonzamas Lanzarote para a décimo cuarta xornada de Liga
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés prepárase para inaugurar o 2026 por todo o alto. As de Ana Seabra encaran a segunda metade da actual tempada coa axenda completa, afrontando un calendario que encaixa oito partidos en catro semanas e entre os que se atopan citas tan importantes coma os oitavos de final da EHF European Cup, un partido ligueiro na casa do Super Amara Bera Bera e a eliminatoria de segunda fase da XLVII Copa da Raíña.
O primeiro chanzo do camiño guardés celebrarase este mesmo sábado 10, ás 19.00 horas, cando o Zonzamas Lanzarote visitará ao equipo baixomiñoto para disputar o primeiro encontro de 2026 na Sangriña. Con ganas de seguir loitando polo liderado da táboa, as anfitrioas esperan inaugurar con boas sensacións unha segunda volta que as coloque en bo lugar de cara a eliminatoria polo título.
A seguinte semana, con todo, será cando as cousas se poñan serias, pois o equipo entra de cheo na preparación para a competición europea e os adiamentos que esta provoca comezan a condensar o calendario. Polo de agora, os dous partidos de Liga posteriores serán entre semana: o mércores 14, no Palau do KH-7 BM Granollers ás 20.30 horas; e o mércores 21, recibindo ao Grafometal La Rioja na Sangriña no mesmo horario.
A EHF European Cup, pola súa banda, encaixará a súa fase Last 16 ou de oitavos de final nas fins de semanas intercaladas. O sábado 17 ás 19.00 horas, o Guardés recibirá ao Handball Erice italiano no Inferno para disputar a ida; mentres que o encontro definitivo celebrarase unha semana despois, o sábado 24 ás 18.00 horas en Casa Santa, Sicilia. Trátase da grande cita deste comezo de ano para o equipo, dous duelos ante un rival que pasou sen problemas as roldas anteriores da competición, e que supoñen unha esixente viaxe a Italia en medio doutros importantes compromisos ligueiros.
Pois a semana seguinte, o Mecalia visitará ao Super Amara Bera Bera, o seu principal rival polo liderado, nun partido de décimo sétima xornada con data aínda por confirmar, pero previsto para o sábado 31 ou domingo 1 de febreiro. As de San Sebastián pecharon o 2025 como campioas de inverno, superando ao equipo da Guarda por tan só unha vitoria, polo que este encontro podería ser determinante para a composición da clasificación de cara ao resto da tempada.
E non rematan aquí os retos para o club baixomiñoto, xa que lle esperará aínda unha semana máis igualmente decisiva. As de Ana Seabra non prevén pasar xa por casa, e intentarán viaxar do País Vasco directamente a Sagunto, onde o mércores 4 de febreiro mediranse ao Balonmano Morvedre na eliminatoria a partido único de segunda fase da XLVII Copa da S. M. a Raíña, por un posto na cobizada fase final da competición que se celebrará na mesma Donosti en maio. O Guardés superou esta rolda sen dificultades a pasada tempada, se ben chocou de súpeto nos cuartos de final e viu o seu soño esvaecer á primeira de cambio, polo que intentará, coma cada ano, quitar a espiña por fin. O horario previsto para este encontro entre semana son as 20.00 horas.
A cita copeira será a primeira dunha semana que se pechará o sábado 7 na casa, onde o equipo galego recibirá ao Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife ás 19.00 horas. Un último partido para pechar este frenético período do calendario, que concentra tres competicións diferentes e oito partidos en total en algo menos de catro semanas, antes de continuar co ritmo ligueiro semanal habitual. Período que será, en definitiva, decisivo para determinar o resultado dunha segunda metade da tempada que promete grandes cousas para o Guardés en caso de seguir pola mesma senda que a primeira.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 14 | Mecalia Atlético Guardés – Zonzamas Plus Car Lanzarote | Sábado, 10 de xaneiro | 19.00 horas | A Sangriña
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 15 | KH-7 BM Granollers – Mecalia Atlético Guardés | Miércoles, 14 de xaneiro | 20.30 horas | Palau d’Esports
EHF European Cup | Last 16 – Ida | Mecalia Atlético Guardés – Handball Erice SSD ARL | Sábado, 17 de xaneiro | 19.00 horas | A Sangriña
EHF European Cup | Last 16 – Volta | Handball Erice SSD ARL – Mecalia Atlético Guardés | Sábado, 24 de xaneiro | 18.00 horas | Pino Cardella
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 16 | Mecalia Atlético Guardés – Grafometal La Rioja | Mércores, 21 de xaneiro | 20.30 horas | A Sangriña
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 17 | Super Amara Bera Bera – Mecalia Atlético Guardés | Data e horario por determinar (previsto para o 31 de xaneiro) | José Antonio Gasca
XLVII Copa de S.M. A Raiña | Segunda fase | Balonmano Morvedre – Mecalia Atlético Guardés | Mércores, 4 de febreiro | 20.00 horas | René Marigil
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 18 | Mecalia Atlético Guardés – Cicar Lanzarote Ciudad de Arrecife | Sábado, 7 de febreiro | 19.00 horas | A Sangriña

Ningún comentario:
Publicar un comentario