Recibos do servizo municipal de abastecemento de auga con carencia de datos básicos e dotación de beirarrúas no tramo final da rúa Doantes de Sangue
• Dúas novas mocións do PSOE da Guarda para responder a demandas veciñais
Infogauda / A Guarda
O Grupo Municipal Socialista da Guarda presentará no próximo pleno ordinario dúas mocións que abordan cuestións de relevancia para a veciñanza: a transparencia na facturación do abastecemento de auga e a seguridade peonil nun tramo da rúa Donantes de Sangre.
“A primeira das iniciativas esixe o cumprimento da normativa vixente na facturación do servizo municipal de abastecemento de auga, logo de detectar que, desde que a recadación foi asumida pola ORAL da Deputación de Pontevedra, os recibos que emiten as entidades bancarias deixaron de incluír información básica sobre os consumos realizados”, indica Fátima Rodríguez Marcos, concelleira portavoz do Grupo municipal do PSdeG-PSOE de A Guarda. “Esta carencia impide á cidadanía comprobar os datos facturados e dificulta calquera posibilidade de control ou reclamación, xerando unha situación de indefensión que resulta inaceptable nun servizo público básico. A moción insta a corrixir de maneira inmediata esta práctica e garantir unha facturación clara, detallada e conforme ao que establece a normativa municipal”.
A segunda moción “pon o foco na necesidade de dotar de beirarrúas o tramo final da rúa Donantes de Sangre. A falta de continuidade das beirarrúas obriga a camiñar polo arcén, que nalgúns puntos apenas alcanza os 40 centímetros, o que supón un alto risco, especialmente para persoas maiores, persoas con mobilidade reducida, usuarias de cadeiras de rodas, familias con carriños de bebés e estudantes que utilizan as paradas do transporte escolar”, sinala Fátima Rodríguez. “Con esta moción trátase de apoiar unha reclamación que leva meses na rúa grazas a unha iniciativa veciñal que está recollendo firmas para conseguir mellorar a seguridade peonil na zona”.
Desde o Grupo Municipal Socialista sinalan que estas dúas mocións volven poñer de manifesto o contraste entre o traballo propositivo da oposición e a falta de contido dos últimos plenos municipais, nos que o equipo de goberno non está a levar asuntos de relevancia para o debate e a mellora da calidade de vida da veciñanza. “Mentres o goberno local presenta plenos baleiros de iniciativas, o PSOE da Guarda segue trasladando ao pleno problemas reais e demandas concretas da cidadanía, con propostas rigorosas e viables”, subliñan.
Os/as socialistas agardan contar co apoio do resto da corporación para sacar adiante ambas iniciativas, que consideran fundamentais para avanzar nun Concello máis transparente, accesible e seguro para todas e todos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario