A Deputación leva este sábado o ciclo +Escénicas a Oia cun espectáculo de pompas xabón para todos os públicos
• O espectáculo “Os fabulosos cleaners” representarase a cargo da compañía de teatro Malasombra no Centro Cultural de Mougás ás 17:00 horas
Infogauda / Oia
A Deputación de Pontevedra levará este sábado, 27 de decembro, o circuíto +Escénicas ao concello de Oia da man dun espectáculo familiar de pompas de xabón a cargo da compañía de teatro Malasombra. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo "Os fabulosos cleaners" de Malasombra representarase no Centro Cultural de Mougás a partir das 17:00 horas e está pensado para todos os públicos. Trátase dunha experiencia visual con pompas de xabón, creada por Luis Beviá e Xoque Carbajal, dirixida por Marcos Orsi e Xoque Carbajal e interpretada por Xoque e Jouse García. Esta proposta conta como dous operarios da limpeza do teatro descobren por casualidade as múltiples posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. Os personaxes emprenderán así unha excitante viaxe conducidos polas fantásticas burbullas: pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril deste ano e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Ningún comentario:
Publicar un comentario