A CIG denuncia a degradación do servizo de transporte público que ofrece Vitrasa
• O persoal ten mesmo que renunciar ao descanso entre viaxes para poder cumprir uns horarios absoletos, o que dificulta unha condución responsable
Infogauda / Vigo
A sección sindical de CIG en Vitrasa denuncia a degradación que se está a producir no servizo de transporte urbano público que ofrece a compañía, cuns horarios obsoletos que obrigan o persoal a ter mesmo que renunciar aos descansos entre viaxes para poder cumprilos, o que dificulta unha condución responsable e respectuosa coas persoas usuarias.
“Cumprir cos horarios na maioría das rutas resulta imposible, xa que están totalmente desactualizados e quedaron absoletos ao non ter en conta cuestións como a cantidade de obras existentes na cidade, o aumento de pasaxeiros/as, o maior número de semáforos, a falta de carrís bus ou as limitacións de velocidade da vía”, sinalan dende a CIG-Vitrasa
Neste senso, adiantan que proximamente estará de novo en funcionamento toda a montaxe das luces de Nadal, “polo que non entendemos como o plan de tráfico nestas datas continúa facéndonos pasar pola zona de maior afluencia de visitantes e compartir calzada con eles”. En consecuencia, á tensión que xeran os atrasos habituais neste período súmase o risco de ter que transitar por unha zona chea de viandantes “que pasean despistados pola principal zona da iluminación do Nadal”. Por iso entenden que o máis lóxico sería evitar o paso por estas zonas e aumentar os tempos de percorrido, algo que non contempla nin no plan de tráfico do Concello nin o deseño dos horarios para estas ocasións especiais.
Advirten que o deseño dos horarios da maior parte das liñas de autobús de Vitrasa obriga o persoal a ter que circular “en ocasións” dunha forma “que non é a máis correcta”, xa que para poder cumprilos sexa necesario “ir en todo momento á velocidade máxima permitida, ou mesmo superándoa”. Polo que persoal ten que utilizar tamén moitas veces os descansos entre viaxes para absorber o atraso acumulado e saír en hora no seguinte percorrido, “o que provoca que o descanso do persoal sexa totalmente insuficiente e o servizo á cidadanía non resulte cómodo nin confortable”.
Lembran que a solución a esta problemática figura no prego de condicións do concurso de adxudicación, que no seu artigo 15.5 establece que Vitrasa poderá propoñer modificacións para mellorar o servizo. Porén, a empresa opta por non facelo e alude a unha futura reestruturación do servizo por parte do Concello de Vigo que permita mellorar a totalidade do servizo. “Esta reestruturación nunca chega, e o Goberno local semella estar cómodo coa maneira de operar da empresa porque tampouco fai nada para remedialo”.
En consecuencia, consideran cando menos curioso que Vitrasa se queixe de que é a empresa do grupo Avanza con maior índice de accidentes con culpabilidade “mais non faga nada en relación aos horarios de percorrido para poder circular a velocidades máis adecuadas e deste xeito previr accidentes; o que demostra que máis que os accidentes o que prima é o aforro de custes”.
Xa que a empresa quere o maior número de viaxes no menor tempo posible. “Aí está o negocio: non importa dar un pésimo servizo nin os danos colaterais que isto poida supoñer, para iso ten un seguro de accidentes e sae máis rendible que o seguro pague polos accidentes que mellorar o servizo”.
De igual xeito, consideran contraditorio que Vitrasa por unha banda realice cursos de condución eficiente nos que se incide na necesidade dunha condución suave, segura e confortable para a persoa viaxeira, “pero pola outra manteña uns horarios de percorrido que para cumprirse nos obrigue a incumprir precisamente co que se expón estes cursos”.
Finalmente, denuncian que cando un condutor/a se rebela contra esta maneira de traballar e opta por cumprir coas normas de circulación facendo unha condución responsable co resto de persoas usuarias das vías e coas viaxeiras e reclama o seu tempo de descanso “chegan os castigos”. A empresa opta por transmitirlle que é a única persoa que non cumpre os horarios, mentres que o resto do persoal si que o fai. “Tras isto poden chegar mesmo ameazas: se non cumpres cos horarios imos abrir un expediente”. E o seguinte é tomar represalias como apartalo/a da liña na que traballa normalmente e/ou separalo do seu compañeiro/a. “Calquera cousa para que volvas entrar no círculo de malas prácticas profesionais e manter o mediocre servizo que se ofrece na nosa cidade”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario