“O noso corpo, campo de batalla” lema do concello de Tui na loita pola igualdade no 25N
• O 25 de novembro haberá un acto central coa comunidade escolar e outro coa cidadanía
Infogauda / Tui
Co rotundo lema “O noso corpo, campo de batalla” o Concello de Tui alza a voz contra as violencias machistas e reivindica os dereitos da mulleres. Vaino facer cun amplo programa de actividade que abranguerá diversos ámbitos dende a educación, a cultura, o deporte, a formación, o pensamento, a comunicación, e a acción social e política. O lema escollido, “O noso corpo, campo de batalla”, inspírase na obra de Barbara Kruger Your Body Is a Battleground, símbolo da loita polos dereitos das mulleres. O cartel deste 2025 é obra de Paula Mayor, Ilustradora, deseñadora gráfica, maquetadora, infógrafa, deseñadora textil e editorial.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explica que baixo o lema deste ano, “O noso corpo, campo de batalla”, queremos “reflexionar sobre como os corpos das mulleres seguen sendo obxecto de control, violencia e desigualdade, e ao mesmo tempo, símbolo de resistencia, dignidade e liberdade”. Engade Ana Núñez que “no momento que vivimos de forte incerteza marcado pola desinformación, a polarización e o avance das violencias machistas, neste 25N ocupamos o espazo público, reivindicando os nosos dereitos e clamando contra a desigualdade e a barbarie que segue a someter á metade do mundo”. Este ano, ademais, sinala Ana Núñez incorporamos “a denuncia da masacre en Gaza, onde as mulleres e nenas sofren con especial crudeza as consecuencias dun conflito marcado pola lóxica patriarcal e polo uso dos seus corpos como campo de Batalla”.
O programa previsto abrirase o próximo mércores, 19 de novembro, coa presentación do libro “As trampas da pornografía” por parte das súas autoras Chis Oliveira, Priscila Retamozo e Amada Traba.
O venres 21 celebrarase o acto “Tui coas mulleres de Gaza” coa actuación da cantante galego-palestina Najla Shami e coa lectura colectiva de textos poéticos, literarios, xornalísticos, políticos nas voces de diferentes persoas comprometidas ante o xenocidio de Gaza.
O sábado 22 A Panadaría representarán o Teatro Municipal “As que limpan”.
O martes 25, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, haberá un acto central ás 12 h coa comunidade escolar no que Mery Pais presentará a acción performativa colaborativa “Voces pola Igualdade” e Silvia Penas a acción escénica “Cortar, refogar, afogar”. O alumnado dos centros educativos dará lectura aos manifestos que elaboraron polo 25N. Xa pola tarde, ás 18.30 h, desenvolverase o acto central coa cidadanía no que se contará coa lectura do manifesto, a acción performativa “Miña Pequena” de Constance Hurlé e a actuación de cantautora Sofía Espiñeira.
Por outra parte, en colaboración co Cineclub Tui, o xoves 27 proxectarase o documental “El techo Amarillo” de Isabel Coixet.
Ao longo das próximas semanas, nos centros de ensino secundario desenvolveranse varios obradoiros a cargo de Pepe Cabido e Chis Oliveira, dirixidos a fomentar a reflexión crítica da mocidade sobre a igualdade e a prevención das violencias machistas.
Programación
Mércores, 19 de novembro, ás 19.00 h no Espazo Sociocultural, r/ Camilo José Cela.
Presentación do libro “As trampas da pornografía” coas autoras Chis Oliveira, Priscila Retamozo e Amada Traba.
Venres, 21 de novembro, ás 19.00 h no Espazo Sociocultural, r/ Camilo José Cela.
Acto “Tui coas Mulleres de Gaza”, coa actuación da cantante galego-palestina Najla Shami e unha lectura colectiva.
Sábado, 22 de novembro, ás 20.00h no Teatro Municipal.
Obra de teatro “As que limpan”, de A Panadaría. Entradas en tui.gal
Martes, 25 de novembro.
Ás 12.00h no Teatro Municipal.
Acto central 25N coa comunidade escolar. Acción performativa colaborativa “Voces pola igualdade” de Mery Pais.
Acción escénica “Cortar, refogar, afogar” de Silvia Penas.
Lectura dos manifestos elaborados polos centros educativos.
Ás 18.30h na praza do Concello.
Acto central 25N coa cidadanía.
Lectura do Manifesto Acción performativa “Miña Pequena” de Constance Hurlé.
Actuación da cantautora Sofía Espiñeira.
Xoves, 27 de novembro, ás 19.00h no Espazo Sociocultural, r/ Camilo José Cela.
Proxección do documental “El techo amarillo” (2022) de Isabel Coixet. En colaboración co CineClub de Tui.
Obradoiros de Pepe Cabido e Chis Oliveira nos centros de ensino secundario.

Ningún comentario:
Publicar un comentario