6 de nov. de 2025

PONTEVEDRA

ABEL LOSADA AGRADECE AO XENERAL PARDO DE SANTAYANA A SÚA DEDICACIÓN E BO FACER Á FRONTE DA BRILAT  

O xeneral abandona Pontevedra para incorporarse a semana próxima como Xefe de Estado Maior do Mando de Canarias   

    

Abel Losada, subdelegado do Goberno, con Alfonso Pardo de Santayana Galbis, xeneral da Brigada Galicia VII

Foto: S. do G.

Infogauda / Pontevedra

 Alfonso Pardo de Santayana Galbis, xeneral da Brigada Galicia VII, Brilat desde o ano 2023, deixa Pontevedra tras o seu ascenso a xeneral de División. A partir da semana próxima incorporarase ao seu novo destino como Xefe do Estado Maior do Mando de Canarias. Esta mañá estivo na Subdelegación do Goberno para despedirse e agradecer a colaboración coa representación do Estado na provincia.     

 Abel Losada destacou a traxectoria impecable, o bo facer e a profesionalidade de Alfonso Pardo de Santayana, “que nestes dous anos case que levo de subdelegado do Goberno estivo aí sempre ofrecendo apoio, colaboración e ata consello”. “Vaise alguén a quen teño en moita estima  e que me fixo valorar aínda máis, se cabe, o papel crucial da institución militar nestes tempos que corren”. Losada lembrou, ademais, que durante a recente emerxencia do apagamento o xeneral Pardo de Santayana foi “unha voz clara que axudou moito a tomar decisións”. Así mesmo, destacou, foi un activo importante durante a primeira fase de recuperación tras a traxedia da DANA de Valencia, na que a Brilat tivo unha intensa participación. Por último subliñou o seu papel no reforzo e mellora constante da Operación Centinela Gallego, para a prevención dos incendios forestais.     

 O xeneral destacou que se vai con pesar de Pontevedra, pero tamén ilusionado coa gran responsabilidade que asume como responsable de todas as operacións terrestres en territorio nacional. Volveu incidir en que considera á Brilat como a súa casa, dado que xa estivera destinado anteriormente como Xefe de Intelixencia do Batallón Zamora do Rexemento de Infantería Isabel a Católica 29 e como coronel ao mando do Rexemento de Infantería Príncipe 3 de Asturias.  

 Nos próximos días o xeneral Pardo de Santayana será substituído polo aínda coronel Andrés González, tamén moi vinculado á Brilat, pois mandou o Rexemento Isabel A Católica ata decembro de 2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario