14 de nov. de 2025

POIO

A Xunta inaugura unha escultura en homenaxe ás vítimas de accidentes de tráfico na nova senda da PO-308 en Poio  

  No acto, no que tamén participou a asociación Stop Accidentes, descubriuse unha arpa en pedra do artista galego Hugo Santos, que busca transformar o Mirador da Pinela nun punto de referencia para honrar a todas vítimas


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e a delegada en Galicia da asociación Stop Accidentes, Jeanne Picard Mahaut,  asistiu hoxe á homenaxe ás vítimas de sinistros nas estradas
Foto: X.G.

Infogauda / Poio

 A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, e a delegada en Galicia, da asociación Stop Accidentes, Jeanne Picard Mahaut, asistiu hoxe á homenaxe ás vítimas de accidentes de tráfico organizado pola asociación Stop Accidentes, que tivo lugar no itinerario peonil da PO-308, na localidade pontevedresa de Poio.   

 No acto descubriuse unha escultura, unha arpa en pedra do artista galego Hugo Santos. A peza é a  homenaxe do Goberno galego ás vítimas mortais de accidentes e ás súas familias, e por outra banda, é un elemento escultórico que busca transformar o Mirador da Pinela nun punto de referencia para honrar a todas as persoas falecidas nun accidente de tráfico.  

 Allegue destacou a importancia de garantir o mellor estado de estradas, sendas e beirarrúas para que os usuarios, peóns e tamén ciclistas circulen con seguridade. Puxo como exemplo a senda da PO-308, entre Fontenla e Combarro, cunha previsión de prolongación ata Covelo,  que contribúe ao obxectivo de potenciar a mobilidade sostible.  

 A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destacou que Galicia é referente nacional en materia de seguridade viaria, aínda que “a Xunta non deixará de traballar para acadar o obxectivo de cero vítimas de accidentes de tráfico”, subliñou.   

 O Goberno galego seguirá a avanzar na Estratexia de Actuación en Tramos de Concentración de Accidentes e Treitos de alto Potencial de Mellora en vías autonómicas ás que destinará case 6M€ en 2026. Por outra banda, o vindeiro ano a Xunta iniciará as obras en 21 treitos de concentración de accidentes que se estenden ao longo de 34 quilómetros de estradas e en 109 treitos de alto potencial de mellora que ao longo de 480 km de vías autonómicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario