Comeza a XXXVIII Semana Cultural de Pedornes (Oia) que inclúe a edición XLI de Festa do Magosto
Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes
Acúrtanse as tardes
e chega a Semana Cultural de Pedornes para entreter á rapazada, pero tamén á
mocidade, aos pais/nais e aos avós/avoas. Un ano máis hai programadas
actividades para os máis pequenos da casa de luns a venres a partir das 17:30
h, e o sábado ás 17:00 h. Tamén se celebran distintos campionatos de luns a
venres a partir das 19:30 h onde o máis importante é fomentar a participación
de grandes e pequenos/as. Do venres ao domingo o programa complétase cunha
serie variada de actividades culturais complementarias para todos os públicos:
maxia, teatro, actuacións musicais, proxección de audiovisuais, etc.
Este é o programa
coas actividades que hai cada día:
Luns día 10:
Ás 17:30 h proxectarase
unha película infantil. Logo, ás 19:00 h hai unha charla informativa sobre o “Plan
Maior de Seguridade” a cargo de persoal da Garda Civil, e ás 19:30 h comezarán
os campionatos de tenis de mesa para adultos (maiores de 12 anos) e de brisca, no
que participaran tanto nenos como adultos.
Martes día 11:
A partir das
17:30 h, haberá xogos populares para os máis cativos e despois celebraranse os
campionatos de tute e damas.
Mércores día 12:
Ás 17:30 h
celébrase unha Festa de Beleza NG, que inclúe un Bingo musical, Glitter Bar e
Tatuaxes á auga, e a partir das 19:30 h celebraranse os campionatos de dominó e
parchís.
Xoves día 13:
Iniciaremos as
actividades deste día ás 17:30 h cun obradoiro infantil de galletas artesanais dirixido
por José Ricardo Pravio (Peli) e continuaremos cos campionatos de chinchimoni e
escoba.
Venres día 14:
Pola tarde, ás
17:30 h, está programado o espectáculo “En Samaín toca... maxia!” a cargo de
Magia en la Manga; seguidamente, ás 19:30 h, celebrarase o campionato de
futbolín para adultos. A iso das 21:00 h temos o concurso de postres que
posteriormente serán degustados por todos os asistentes. Logo, pelaremos as
castañas e haberá chocolate para todos os participantes. Todo elo estará
animado por Roberto Caco. Anímase aos asistentes a traer os seus instrumentos
para unirse á festa e montar unha gran foliada.
Sábado día 15:
O sábado é o día
grande da Semana Cultural, comezando ás 17:00 cos campionatos de tenis de mesa
e de futbolín infantís (inscrición adiantada ao venres pola tarde). Ás 18:30, actuará
a Banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal, e para as 20:00 h está
programada a representación da obra de teatro “Voda de duques” a cargo do grupo
de teatro afeccionado local “As dez patas do banco”.
A iso das 21:00 h terá lugar a XLI
Festa do Magosto, con castañas asadas, viño tinto do ano e refrescos, todo elo
totalmente gratis. O Magosto estará amenizado polo grupo de música tradicional
Noitarega de Vigo.
A iso das 22:00
h, aproximadamente, realizarase a entrega de premios aos gañadores de todos os
campionatos e celebrarase o sorteo das 14 cestas de produtos variadas
elaboradas nesta edición.
Domingo día 16:
O último día, celebrarase
a proxección de dous audiovisuais. Por unha banda, ás 18:30 h. proxectarase o
audiovisual “Pedornes dende o aire” elaborado por Ángel Victoriano (veciño de
Pedornes) e a partir das 19:00 h será a estrea do audiovisual “Novas Canrtigas Oienses (Se os muíños falaran...)”, elaborado polos veciños de Pedornes, Ana
Belén Jarrín e Nacho Álvarez.
Durante toda a semana haberá servizo de cantina e tamén unha gran carpa cubrindo o terreiro da festa.
Novidade importante en relación co transporte o sábado día 15
Como novidade,
este ano vaise pór en marcha unha experiencia piloto para ver se é posible
evitar os atascos que se ten producido en anteriores ocasións. Para iso, a
comisión organizadora decidiu, só para a tarde do sábado día 15, cortar ao
tráfico (agás para residentes) a subida a Pedornes na denominada “curva da casa
de Nino” e tamén no Viso, deixando libre o acceso ao aparcamento da igrexa.
Para o acceso á
festa, haberá un servizo de transporte específico e gratuíto chamando
aos teléfonos 686 259 822 (Moncho) e 608 885 861 (Juan). O
devandito servizo recollerá e deixará pasaxeiros na carreteira xeral entre Oia
e o Porto de Mougás. Rógase, pois, facer uso deste servizo gratuíto para evitar
atascos. Moitas grazas.
Colaboran coa
organización o concello de Oia, os programas + Escénicas e Culturea
da Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes Veciñais en Man
Común da propia parroquia de Pedornes.

Ningún comentario:
Publicar un comentario