9 de nov. de 2025

PEDORNES (OIA)

Comeza a XXXVIII Semana Cultural de Pedornes (Oia) que inclúe a edición XLI de Festa do Magosto




Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes

 Acúrtanse as tardes e chega a Semana Cultural de Pedornes para entreter á rapazada, pero tamén á mocidade, aos pais/nais e aos avós/avoas. Un ano máis hai programadas actividades para os máis pequenos da casa de luns a venres a partir das 17:30 h, e o sábado ás 17:00 h. Tamén se celebran distintos campionatos de luns a venres a partir das 19:30 h onde o máis importante é fomentar a participación de grandes e pequenos/as. Do venres ao domingo o programa complétase cunha serie variada de actividades culturais complementarias para todos os públicos: maxia, teatro, actuacións musicais, proxección de audiovisuais, etc.

 Este é o programa coas actividades que hai cada día:

Luns día 10:

 Ás 17:30 h proxectarase unha película infantil. Logo, ás 19:00 h hai unha charla informativa sobre o “Plan Maior de Seguridade” a cargo de persoal da Garda Civil, e ás 19:30 h comezarán os campionatos de tenis de mesa para adultos (maiores de 12 anos) e de brisca, no que participaran tanto nenos como adultos.

Martes día 11:

 A partir das 17:30 h, haberá xogos populares para os máis cativos e despois celebraranse os campionatos de tute e damas.

Mércores día 12:

 Ás 17:30 h celébrase unha Festa de Beleza NG, que inclúe un Bingo musical, Glitter Bar e Tatuaxes á auga, e a partir das 19:30 h celebraranse os campionatos de dominó e parchís.

Xoves día 13:

 Iniciaremos as actividades deste día ás 17:30 h cun obradoiro infantil de galletas artesanais dirixido por José Ricardo Pravio (Peli) e continuaremos cos campionatos de chinchimoni e escoba.

Venres día 14:

 Pola tarde, ás 17:30 h, está programado o espectáculo “En Samaín toca... maxia!” a cargo de Magia en la Manga; seguidamente, ás 19:30 h, celebrarase o campionato de futbolín para adultos. A iso das 21:00 h temos o concurso de postres que posteriormente serán degustados por todos os asistentes. Logo, pelaremos as castañas e haberá chocolate para todos os participantes. Todo elo estará animado por Roberto Caco. Anímase aos asistentes a traer os seus instrumentos para unirse á festa e montar unha gran foliada.

Sábado día 15:

 O sábado é o día grande da Semana Cultural, comezando ás 17:00 cos campionatos de tenis de mesa e de futbolín infantís (inscrición adiantada ao venres pola tarde). Ás 18:30, actuará a Banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal, e para as 20:00 h está programada a representación da obra de teatro “Voda de duques” a cargo do grupo de teatro afeccionado local “As dez patas do banco”.

 A iso das 21:00 h terá lugar a XLI Festa do Magosto, con castañas asadas, viño tinto do ano e refrescos, todo elo totalmente gratis. O Magosto estará amenizado polo grupo de música tradicional Noitarega de Vigo.

 A iso das 22:00 h, aproximadamente, realizarase a entrega de premios aos gañadores de todos os campionatos e celebrarase o sorteo das 14 cestas de produtos variadas elaboradas nesta edición.

Domingo día 16:

 O último día, celebrarase a proxección de dous audiovisuais. Por unha banda, ás 18:30 h. proxectarase o audiovisual “Pedornes dende o aire” elaborado por Ángel Victoriano (veciño de Pedornes) e a partir das 19:00 h será a estrea do audiovisual “Novas Canrtigas Oienses (Se os muíños falaran...)”, elaborado polos veciños de Pedornes, Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez.

 Durante toda a semana haberá servizo de cantina e tamén unha gran carpa cubrindo o terreiro da festa.

Novidade importante en relación co transporte o sábado día 15

 Como novidade, este ano vaise pór en marcha unha experiencia piloto para ver se é posible evitar os atascos que se ten producido en anteriores ocasións. Para iso, a comisión organizadora decidiu, só para a tarde do sábado día 15, cortar ao tráfico (agás para residentes) a subida a Pedornes na denominada “curva da casa de Nino” e tamén no Viso, deixando libre o acceso ao aparcamento da igrexa.

 Para o acceso á festa, haberá un servizo de transporte específico e gratuíto chamando aos teléfonos 686 259 822 (Moncho) e 608 885 861 (Juan). O devandito servizo recollerá e deixará pasaxeiros na carreteira xeral entre Oia e o Porto de Mougás. Rógase, pois, facer uso deste servizo gratuíto para evitar atascos. Moitas grazas.

 Colaboran coa organización o concello de Oia, os programas + Escénicas e Culturea da Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da propia parroquia de Pedornes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario