12 de nov. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés sofre pero supera ao Elxe (20-17) 

O Mecalia sumou este mércores a súa novena vitoria da tempada con esforzo ante o Atticgo BM Elxe, rival que ofreceu unha defensa férrea e púxoo en aprietos en varias ocasións 

Aínda que destacan os cinco goles de María Sancha e os catro de Cacheda, foi un partido de traballo defensivo. A estrela, de novo, Amandine Balzinc con 13 paradas fundamentais para controlar a potencia das ilicitanas 


A porteira Amandine Balzinc volveu ser protagonista
Fotos: SportCoeco
Ceci Cacheda coa mente e a ollada postas na porta visitante, facéndose oco entre dúas xogadoras rivais


Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés sofre un pouco, pero segue adiante. As de Ana Seabra sumaron este mércores dous puntos máis con certas dificultades ante un Atticgo BM Elxe que controlou a primeira parte grazas a unha férrea defensa e, na segunda, fixo perigar a vantaxe guardesa en varias ocasións. A porteira Amandine Balzinc volveu ser protagonista, con 13 paradas fundamentais (catro delas, a penaltis) que limitaron significativamente a potencia dun rival incansable. No ataque, os cinco goles de María Sancha e os catro de Ceci Cacheda levantaron a remontada dun equipo que non ofreceu hoxe o seu mellor día.  

 O partido comezou forte por ambas as bandas, liderado por un Atticgo BM Elxe moi enchufado desde os minutos iniciais. As ilicitanas pillaron desprevida á defensa guardesa e encadearon unha vantaxe significativa desde moi pronto, motivada tamén por un bloqueo importante na ofensiva anfitrioa (1-3, min. 5). Neste inicio de partido, Nicole Morais non perdoou os intentos do Guardés nin desde os sete metros, freando un lanzamento de Elena que sería clave para devolver ás súas ao partido. 

 Se non creceron máis as visitantes foi grazas a Amandine Balzinc. A gardameta, vital nos últimos resultados do Mecalia, acumulou catro paradas neste primeiro parcial, respondendo ante os múltiples ocos que seguía ofrecendo a barreira defensiva das súas. As de Ana Seabra necesitaban entrar no partido e actuar ante a rotación constante do Elxe, ademais de limitar perdas que xa así de súpeto estaban a empezar a ser moi problemáticas.  

 Lorena Téllez conseguiu escapar por fin da protección da porta ilicitana que tanto se centraba nela e marcou o segundo tanto guardés en pouco menos de dez minutos. Aos poucos funcionaba a folla de roteiro e Cacheda transformou un roubo para integrar ás súas no partido (3-5, min. 10). 

 Pero entón, a defensa rival comezaba a debilitarse, permitindo unha coordinación como para que funcionasen as xogadas ensaiadas, e a receita para a recuperación guardesa estaba servida. O principal ingrediente que o ligou todo foi o muro francés de Balzinc, infranqueable e atento a cada intención de contraataque rápido das de Joaquín Rocamora. E foi así como, con aparente facilidade e grazas a un contundente parcial 5-0, as anfitrioas chegaron ao ecuador desta primeira metade reiniciando o marcador (6-6, min. 15). 

 Empezaban a gañar confianza as da Sangriña, mentres o Elxe vía perigar o bo ritmo co que saíra á pista. Bastaron dúas paradas máis da gardameta do Guardés a senllos intentos de penalti para bloquear o desempate rival, así como as respectivas aparicións de Blazka Hauptman desde os nove metros e de Rosane Serrano desde os sete para que o partido tomase un ton moi diferente (8-6, min. 21). O técnico ilicitano, teméndose a característica crecida galega en casa, chamou ao tempo morto para evitala. 

 E produciu efecto o toque de atención, pero ata certo punto. O equipo rival reaccionou e volveu igualar a contenda, levando ao partido a un panorama moi igualado nos minutos previos ao descanso. Habería que esperar ata despois deste para comprobar cara a que lado terminaríase decantando a balanza (10-10, min. 30). 

 Ofreceu o Guardés no reinicio unha enerxía moi prometedora, encadeando dous goles de Mendoza desde o extremo que coroaban senllas xogadas de ataque moi ben engraxadas. As de Seabra puxeron as cousas difíciles a un Elxe que tardou seis minutos en anotar, e que o fixo desde os sete metros da man de Vanessa Rubio (12-11, min. 37).  

 Había que manter a mente fría e calcular cada acción para ceder o mínimo cara ao rival. Lideraba o anfitrión, pero cunha renda nada cómoda aínda, e moi consciente de que as cousas poderían poñerse na súa contra con moita facilidade. Produciuse entón o cambio que ameazaba con supoñer o punto de inflexión definitivo cara ás baixomiñotas, pois Rosa Armenteros propinou un forte golpe na cara a Ceci Cacheda que desembocou en expulsión por vermella directa. Cunha xogadora máis, o Guardés despegouse con maior soltura e un novo parcial 3-1 comezou a levar a marea ao seu favor (15-12, min. 43). 

 A partir de entón, o Elxe xa só puido ir a remolque, freado en grandísima parte pola fera defensa da portería a mans de Balzinc. A cérbera parou dous intentos consecutivos de penalti, catro en total procedentes de mans ilicitanas, e chegou a sumar 13 paradas ao longo de todo o encontro. Amandine foi protagonista por enésima vez nos últimos partidos e, como tal, responsable de que as súas mantivesen a renda mesmo cando o rival facía todo o posible por aumentar a presión (17-13, min. 51). Resistiu o Elxe ata o final, atopando ocos aínda nunha defensa guardesa que non vivía o seu día máis afinado. Pero, aínda que si obrigaron ao Guardés para manter a concentración e seguir respondendo (18-16, min. 56), non lograron as de Rocamora reducir a vantaxe local de maneira continuada. Non se desenchufaron do encontro as anfitrioas nin a súa vital porteira, e a combinación necesaria entre ambas serviu unha nova vitoria miñota á súa afección (20-17, final).   

Mecalia Atlético Guardés (10+10): Amandine Balzinc (p.), Jazmín Mendoza (2), Cecilia Cacheda (4), Lorena Téllez (1), Elena Martínez (1), Ariana Portillo (1) [sete inicial], Sabina Mínguez (p.), Blazka Hauptman (2), María Palomo (1), Rosane Serrano (2), Cristina Cifuentes, Carme Castro (1), María Sancha (5), Anouk Nieuwenweg, Ania Ramos e Leire Martínez. 

Atticgo BM Elxe (10+7): Nicole Morais (p.), Jimena Laguna (4), Lisa Oppedal, Patrica Méndez, Paola Bernabé, Noelia Solla (2), Zaira Benítez (2) [sete inicial], Clara Gasco, Esther Martín-Buró, Teresa Antón (p.), Vanessa Rubio (4), Lidia Bomaba (1), Rosa Armenteros (2) e Carmen Figueiredo (2).  

Marcador cada cinco minutos: 1-3, 2-4, 5-6, 7-6, 9-8, 10-10, 12-10, 13-11, 15-13, 17-13, 18-14, 20-17.    

Árbitros: Albert Pérez e Daniel Toro. Amoestaron con tarxeta amarela á visitante Noelia Solla, excluíron con dous minutos ás locais María Sancha, María Palomo, Ariana Portillo e Lorena Téllez e ás visitantes Carmen Figueiredo e Noelia Solla (2) e expulsaron con vermella directa á visitante Rosa Armenteros (min. 41). 

Incidencias: Partido de décima xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2025/2026, aprazado no seu momento por coincidencia coa competición europea para ambos os equipos, disputado no pavillón da Sangriña. Encontro dedicado á campaña autonómica NON contra a violencia de xénero de Deporte Galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario