24 de out. de 2025

TUI

O PP DE TUI INCORPORARÁ A JORGE LIMA AO GRUPO MUNICIPAL EN SUBSTITUCIÓN DA CONCELLEIRA PILAR GREGORES, QUE ACABA DE REXISTRAR A SÚA RENUNCIA Á ACTA NO CONCELLO 

O voceiro municipal, Nico Montes, aclara que se produciu un malentendido e unha interpretación errónea sobre o futuro da edil, que expresou a súa intención de abandonar o grupo municipal e manterse no PP 

O tamén presidente do PP tudense explica que as achegas e o debate interno, poñendo en valor posturas diferentes, “ao final sempre enriquecen e fan máis grande e máis amplo o proxecto que queremos para o futuro de Tui” 


O voceiro municipal do PP de Tui, Nico Montes, con Jorge Lima Durán, que proximamente se incorporará como concelleiro, en substitución de Pilar Gregores que renunciou a súa acta
Foto: Cedida

Infogauda / Tui

 O grupo municipal do PP de Tui vén de anunciar a próxima incorporación de Jorge Lima Durán, en substitución da concelleira Pilar Gregores, que acaba de formalizar a súa renuncia á acta co correspondente rexistro no Concello.

 O voceiro municipal, Nico Montes, aclarou que nesta situación produciuse un malentendido sobre o futuro político da edil, que expresou publicamente a súa intención de deixar o grupo municipal, pero que deixou ben claro que mantiña o seu compromiso co PP e con Tui. 

 “Pilar decidiu ceder a súa acta para facilitar a renovación do grupo, posto que temos maneiras distintas de afrontar o labor político, e é algo respectable e que enriquece e engrandece ao PP de Tui porque creo moito na diversidade. Nós respectamos a súa decisión”, revelou o tamén presidente do PP local. 

 Nico Montes agarda que, tras a renuncia de Pilar Gregores, se cursen canto antes as credenciais de Jorge Lima para facilitar a súa inmediata incorporación “co obxectivo de manter un grupo municipal forte, de seis concelleiros, tantos como ten o goberno local, para defender todos os días e na rúa aos veciños fronte a unha situación de parálise que está a levar a Tui por un mal camiño”. 

 Finalmente, o voceiro quixo deixar claro que as distintas achegas e o debate interno que se producen no PP tudense, ao igual que en decenas de agrupacións locais de todos os partidos da provincia, e a posta en valor de posturas diferentes “ao final sempre enriquecen e fan máis grande e máis amplo o proxecto que queremos para o futuro de Tui”. Ademais, agradeceu a concelleira o seu gran traballo e adicación destes anos e desexou sorte a Jorge Lima na súa próxima incorporación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario