22 de out. de 2025

TUI

Pilar Gregores Álvarez rompe co PP de Tui e pasa a non adscrita

 Explica que a súa decisión é froito “dunha longa reflexión” tras “un ano de illamento e exclusión dentro do grupo”


Pilar Gregores Álvarez anunciou seu paso á condición de concelleira non adscrita
Foto: Cedida

Infogauda / Tui

 A concelleira do Concello de Tui, Pilar Gregores Álvarez, anunciou a súa renuncia ao Grupo Municipal do Partido Popular, encabezado por Nico Montes, e o seu paso á condición de concelleira non adscrita. 

 Gregores explica que a súa decisión é froito “dunha longa reflexión” tras “un ano de illamento e exclusión dentro do grupo”, situación que, segundo afirma, “non só dificultou o exercicio responsable e eficaz” das súas funcións, senón que tamén “menoscabou” a súa integridade persoal e política. 

 “Desde o inicio do mandato traballei coa convicción de que a política municipal debe ser próxima e centrada en mellorar a calidade de vida da cidadanía”, sinala a edil. “Ante a falta de liderado e implicación do portavoz do grupo municipal, continuarei o meu labor como concelleira non adscrita, mantendo intacto o meu compromiso coas veciñas e cos veciños de Tui”. 

 A concelleira advirte de que “non se pode construír un proxecto sólido nin avanzar cando a desgana e a falta de compromiso son a práctica habitual”. “A política require dedicación, compromiso e unha visión orientada ao servizo das persoas. Cando estes valores non se reflicten na toma de decisións do grupo, a miña permanencia nel carece de sentido”, engade. 

 Pilar Gregores agradece “profundamente a confianza depositada” a todas as persoas que apoiaron o seu labor e subliña que, aínda que abandona o equipo de Nico Montes, “o compromiso con Tui e co Partido Popular segue intacto”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario