28 de out. de 2025

SALVATERRA DE MIÑO

Luis López destaca o impulso de 350.000 € ás instalacións deportivas de Salvaterra de Miño, cos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas aprobados pola Deputación 

 O presidente provincial, xunto coa alcaldesa Marta Valcárcel, inaugura as reformadas pistas da Canuda executadas ao abeiro do segundo PEID cun investimento de 140.000€


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López - no centro - con Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra de Miño e membros do goberno municipal, nas pistas da Canuda

Foto: Rafa Estévez


Infogauda / Salvaterra de Miño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta un novo paso adiante na provincia do deporte a inauguración das pistas polideportivas da Canuda do Concello de Salvaterra. Unha actuación valorada nuns 140.000 euros financiados ao 100 % polo organismo provincial ao abeiro da segunda convocatoria do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Nun percorrido por este recinto ao aire libre acompañado pola alcaldesa Marta Valcárcel, López puxo de manifesto o impulso que a Deputación está a dar as instalacións municipais de todos os concellos da provincia grazas aos 20 millóns de euros que está a mobilizar o goberno provincial a través das tres convocatorias, aprobadas ao longo do presente mandato, do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.  

 “Cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas, que xa ten en marcha a súa terceira edición con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados aos dous anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros en tres anos”, salientou o dirixente.    

 A intervención nas instalacións da Canuda consistiron na reforma das súas pistas polideportivas, que presentaban diversos desperfectos motivados polo uso e o paso do tempo principalmente no pavimento. Desde agora, os deportistas que acoden a diario a este lugar para facer deporte xa poden desfrutar dun recinto composto por terreos de xogo para a práctica do fútbol sala, o baloncesto e o tenis, así como outro especializado para a pista de patinaxe renovada e adaptada aos novos tempos grazas a un investimento de 140.000€ e ao compromiso dos gobernos municipal e provincial para levalo a cabo. “Unha actuación financiada ao 100% pola a Deputación e completada en tempo e forma grazas á xestión dunha alcaldesa capaz de presentar, desenvolver e executar proxectos serios, maduros e ambiciosos”, valorou López.  

 A colaboración da Deputación co Concello de Salvaterra de Miño non se limita só á mellora das pistas deportivas da Canuda. En materia deportiva, o goberno local recibirá de mans do organismo provincial uns 350.000 euros a través dos distintos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. Na primeira convocatoria, a achega provincial foi de 70.000€, e na segunda, de preto de 180.000€. Un importe que será similar nesta terceira convocatoria, aínda que a cifra concreta non se coñecerá ata que remate o procedemento de presentación e tramitación das solicitudes. Ademais, neste ano 2025 a Deputación mobilizou en Salvaterra de Miño un total de 1,7 millóns de euros a través dos programas de cooperación +Provincia, Plan Extra e o devandito PEID.

Ningún comentario:

Publicar un comentario