24 de out. de 2025

PONTEVEDRA

Seguridade   

Abel Losada entrega a medalla ao Mérito da Seguridade Viaria ao garda José Luis Lameiro 

O subdelegado destaca o traballo de todo o Subsector de Tráfico, que sempre está aí “trone ou faga calor” 

Recorda o “labor impresionante” prestado durante o temporal Kirk con máis de 200 incidencias nunha xornada  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, impuxo hoxe a medalla ao Mérito da Seguridade Viaria, con distintivo azul, ao garda civil de Tráfico José Luis Lameiro Coutiño
Fotos: S. do G.
Momento no que o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada dirixe unhas verbas as persoas asistentes ao acto que tivo lugar na mañá de hoxe


Infogauda / Pontevedra  

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, impuxo hoxe a medalla ao Mérito da Seguridade Viaria, con distintivo azul, ao garda civil de Tráfico José Luis Lameiro Coutiño, que presta servizo no Destacamento do Porriño e que vén de cumprir 42 anos na Benemérita, 36 deles no Subsector de Tráfico. Ao acto asistiron o coronel Manuel Touceda; o comandante de Tráfico, Miguel Martínez; a xefa provincial da Dirección Xeral de Tráfico, Paula Yubero, e a secretaria xeral da Subdelegación, María Isabel Alonso. 

 Abel Losada subliñou que trátase dun recoñecemento que cómpre facer extensivo a tódolos homes e mulleres do Subsector de Tráfico da provincia, “que son profesionais que están a pé de estrada trone ou faga calor, de luns a domingo, velando sempre pola nosa seguridade”. O subdelegado recordou que hai xusto un ano o temporal Kirk azoutou moi gravemente esta provincia, provocando máis de 200 incidencias na rede provincial de estradas, e alí estivo a Garda Civil de Tráfico, nunhas circunstancias realmente perigosas “cun labor impresionante que foi clave para que non pasara nada, a pesar do moito que pasou”. 

 “A Garda Civil do século XXI é un corpo moderno”, afirmou, “especializado e adaptado como unha luva ás necesidades complexas de España, Galicia e a nosa provincia. Pero detrás da Garda Civil hai homes e mulleres como José Luis Lameiro, que a prestixian día a día co seu traballo. Un traballo case sempre calado e, en moi raras ocasións, que transcende ao público con nomes e apelidos”. 

 Nos seus 36 anos en Tráfico, o garda Lameiro acumula distincións, felicitacións e condecoracións. Está especializado en transportes, tanto de pasaxeiros como de mercancías, unha especialidade que obriga a estar permanentemente actualizado. Ademais, é unha peza clave nos dispositivos de seguridade de tódalas probas deportivas que transcorren pola provincia, especialmente as ciclistas, dado que participou en tódalas edicións da Volta Ciclista a España e o Gran Camiño e acumula na súa traxectoria laboral preto de 20 servizos en Voltas a Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario