O Xulgado suspende parcialmente os servizos mínimos decretados polo Concello de Ponteareas para a folga indefinida do SAF
• Anulan as obrigas de que inclúan como mínimo 45 minutos por persoa usuaria e que teñen que ser cubertos por persoal que secunda o paro
Infogauda / Ponteareas
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra vén de estimar parcialmente a reclamación do comité de empresa de Óbolo, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas, a respecto dos servizos mínimos, decretando a suspensión dos dous puntos máis controvertidos: a obriga de 45 minutos como mínimo de atención por persoa usuaria e que teñen que ser cubertos polas persoas traballadoras que secundan a folga.
A representación do persoal presentara o pasado 30 de setembro un recurso contencioso-administrativo en amparo do dereito fundamental de folga contra a resolución emitida unha semana antes pola Alcaldía na que se fixaron os servizos mínimos do paro indefinido que deu comezo o pasado 26 de setembro ante os graves incumprimentos por parte da empresa.
Agora a decisión xudicial, contra a que cabe recurso diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), decreta a suspensión destas dúas cuestións (45 minutos por persoa usuaria e servizos mínimos cubertos por persoas que secundan o paro) ao entender que o seu cumprimento podería derivar una limitación efectiva do dereito fundamental de folga.
Na sentenza determínase que as actuacións e tarefas máis esenciais do persoal en folga, “incluídas por suposto aquelas cuxa omisión podería poñer en risco a vida, integridade ou saúde das persoas usuarias, están (ou deberan estar) incluídas nos servizos mínimos establecidos pola Administración, asegurando así a súa prestación, sen que a tal efecto aporte nada a previsión dun tempo mínimo”.
E en canto á medida relativa a que sexan as persoas traballadoras que secundan a folga as que cubran os servizos mínimos, “a súa suspensión cautelar non afecta tampouco á obrigada prestación destes, con independencia de quen os leve a cabo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario