27 de out. de 2025

MAR

A XUNTA DE GALICIA E A UNIVERSIDADE DE VIGO REFORZAN A SÚA COLABORACIÓN PARA MELLORAR, CO AVAL DA CIENCIA, A XESTIÓN DA MEXILLA NO LITORAL GALEGO 

 O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura da addenda ao convenio de colaboración entre ambas as entidades que permitirá seguir a executar o estudo de identificación e marcación selectiva de larvas de mexillón 

 A finalidade desta modificación é ampliar o prazo de execución dos traballos, dado que o labor de campo na recollida de mostras foi máis agresivo do esperado e requiriu material e traballo de laboratorio adicional 

  A Consellería do Mar eleva o seu investimento nesta acción ata superar os 227.000 euros cofinanciados co novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) distribuídos nas anualidades 2024, 2025 e 2026 


Colonia de mexillóns no litoral marítimo
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a sinatura da addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Universidade de Vigo para a execución do estudo de identificación e marcación selectiva de larvas de mexillón, que permite obter información sobre a evolución do recrutamento de semente do molusco nas rochas do litoral de Galicia. Esta modificación responde á proposta da Comisión de Seguimento para cambiar as cláusulas sétima, oitava e novena do citado convenio, relativas ao financiamento, xustificación e execución. 

 As causas destas modificacións foron, por un lado, que o traballo de campo de recollida de mostras está a ser máis agresivo do esperado, aumentando de catro a sete puntos de recollida. Isto implicou necesariamente unha maior renovación do material empregado para elas, como mangas, medidores de profundidade e fluxómetros. Ademais, a cantidade de mostras recollidas está requirindo traballo de laboratorio adicional. Por outro lado, a obrigatoriedade de realizar determinados gastos de persoal investigador posterior ao 30 de xuño, obrigou a ampliar o período de gasto e pagamento ata o 31 de xullo de 2026; quedou como data límite para a presentación de documentación xustificativa o 31 de agosto de 2026, así como un aumento no orzamento en 10.400 euros. 

 Esta acción investigadora reforza o traballo impulsado polo Goberno galego neste ámbito e supón un avance na xestión da mexilla atendendo á crecente demanda deste recurso e á explotación responsable dos distintos recursos naturais. Así, a Consellería do Mar eleva o seu investimento nesta acción ata superar os 227.000 euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa), distribuídos nas anualidades 2024, 2025 e 2026. 

  Nesta iniciativa participa o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da consellería, a quen lle corresponde a recollida das mostras para posterior envío ao laboratorio de Inmunoloxía da Universidade de Vigo. Pola súa banda, esta universidade realiza as tarefas de identificación e contaxe larvaria, así como de descrición dos estadios larvarios, indicando a cantidade de larvas por unidade de volume e mostraxe e en cada un dos estadios larvarios presentes nas 34 mostraxes. Da coordinación e interpretación dos resultados encárgase o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Vilanova de Arousa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario