28 de out. de 2025

GALICIA

40 peregrinos e peregrinas percorrerán o Camiño  para visibilizar a saúde mental  

Realizarán tres tramos do camiño francés dende o 28 ata o 30 de outubro, día en que chegarán a Compostela.  

Con esta iniciativa, as persoas con problemas de saúde mental queren loitar activamente contar o estigma que sofre o colectivo.  


Grupo de persoas con problemas de saúde mental que participan na actividade organizada por Saúde Mental FEAFES Galicia

Ana Escrigas Rodríguez / Santiago

 Saúde Mental FEAFES Galicia realiza, por décimo quinta ocasión, o Camiño de Santiago, unha actividade na que participarán arredor de 40 peregrinos e peregrinas con problemas de saúde mental.   

 O percorrido comezou hoxe, martes 28 de outubro, en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o xoves 30 pola mañá. O itinerario, que se corresponde co último tramo do Camiño Francés, abrangue máis de 28 quilómetros e vén a dar continuidade ás tres etapas realizadas o ano pasado, onde os peregrinos e peregrinas camiñaran de Palas a Salceda. 

 Este ano, na primeira etapa, as persoas participantes percorreron os 8 quilómetros que separan Salceda e Arca, ambos no concello de O Pino. Na segunda xornada, os peregrinos camiñarán 16 quilómetros ata o Monte do Gozo, onde pasarán a noite. O último día, percorrerán os 4,5 quilómetros restantes ata chegar ao casco histórico compostelán.  

 Unha vez cheguen a Compostela, todas as persoas participantes recibirán un certificado que acredite que percorreron ese tramo do Camiño de Santiago. Despois, para despedir a actividade, gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante da cidade.  

 As persoas que realizan este ano o Camiño de Santiago proceden de diversas localidades galegas xa que pertencen ás asociacións Andaina (Dodro e Ordes), Alume (Lugo e Guitiriz), Doa (Vigo e Cangas) e Saúde Mental Ferrol (Narón).  

 As actividades de ocio e deporte que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois lles permiten romper coa rutina diaria, realizar actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquecerse culturalmente, socializar e integrarse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias na súa tarefa de coidados. 

 Con esta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia quere amosar á sociedade unha imaxe normalizada e integradora das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo. 

 Esta viaxe de tres días tamén serviu para que as persoas con problemas de saúde mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Do mesmo modo, ten un factor lúdico rehabilitador porque permite que as persoas participantes se integren na sociedade e participen en actividades colectivas.    

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en máis de 30 localidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario