A IV Asemblea da CIG-Industria de Vigo reelixe a Xulio Fernández Alonso como secretario comarcal
• No proceso celebrado hoxe tamén se renovou a Executiva e se escolleron os representantes da federación nos distintos organismos
Infogauda / Vigo
A IV Asemblea da CIG-Industria de Vigo reelixiu hoxe a Xulio Fernández Alonso como secretario comarcal despois de que a súa candidatura recibise 52 votos a favor e 1 en branco. No proceso celebrado no local do sindicato tamén se escolleron as persoas representantes da federación nos distintos organismos.
A executiva comarcal, á que concorreu unha única lista de consenso, sumou 53 votos a favor e ningún en branco, queda integrada polo propio Xulio Fernández Alonso, Christian Caamaño Fernández, Eduardo Ruanova Davila, Francisco Xavier Rodríguez Martínez, Henrique Fernández Oliveira, Manuel Simón Graña, Marcos Paramos Riveiro, María García Gómez, Patricia Cabaleiro Conde, Raquel Pérez Fernández e Santiago Fernández Sanromán.
Durante a asemblea, na que participaron máis de medio cento de delegados e delegadas, salientouse a intensa actividade mobilizadora e de negociación colectiva desenvolvida nos últimos catro anos, en especial no que tivo que ver coa negociación do convenio provincial do metal e coa loita en defensa do emprego e das condicións laborais na automoción, sector no que a CIG convocou a primeira folga da historia de Galiza. Un período que estivo marcado “por unha forte ofensiva por parte do empresariado intentado recortar dereitos laborais e precarizar as condicións de traballo, e por unha forte represión tanto aos nosos delegados e delegadas como ao conxunto das persoas traballadoras”.
Tamén se puxo en valor o feito de que a CIG-Industria mantense como a primeira forza sindical no sector a nivel comarcal, tanto en número de delegados e delegadas como en afiliación. Neste senso, un dos obxectivos que se fixa a federación para os vindeiros catro anos é continuar medrando tanto en representación como en afiliación para reforzar os piares básicos que sustentan o proxecto da central sindical: asemblearismo, combatividade, solidariedade e unidade de clase. “Máis nun momento no que a precariedade, a subcontratación e a fragmentación da clase traballadora esixen que o sindicalismo sexa máis útil e eficaz ca nunca para dar resposta a todas as loitas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario