A CIG-Ensino denuncia 86 vacantes de profesorado sen cubrir só na comarca de Vigo
• Chama a participar na manifestación deste sábado día 13 en Santiago contra os recortes e a falta de recursos para a atención á diversidade
Infogauda / Vigo
Tal e como advertía a CIG-Ensino, os cinco días da semana pasada foron totalmente insuficientes para que o curso comece con normalidade malia que as direccións adian-taron a planificación durante o verán. Onte, martes 9 de setembro, dous días despois do comezo das clases, aínda eran 509 as vacantes docentes sen cubrir, 86 delas só na comarca de Vigo (42 en Infantil e Primaria).
A Consellaría de Educación continúa afondando nun modelo de recortes e privatización que afecta directamente á calidade do ensino e aos dereitos do alumnado e do profesorado. Multiplicáronse as medias xornadas a respecto de cursos pasados, o que permite dar un dato irreal de profesorado contratado; solicítanse prazas con dúas afíns para aforrar tres especialistas diferentes; néganse aos centros que o ano pasado contaron con MEGA ou Proa+ a continuidade no programa; múdanse prazas a tempo completo nun centro por compartidas entre varios, etc.
Pola súa banda, en Secundaria e Formación Profesional o curso arranca coa peor situa-ción en décadas en canto a falta de medios para atención á diversidade, unha continua redución de cupos e ratios desorbitadas de alumnado por docente no primeiro caso e unha reforma da FP que está sendo un caos nos centros.
En concreto, nestas ensinanzas as clases comezaron sen que o profesorado puidera elaborar o currículo dun módulo de nova implantación dado que a Consellaría non forneceu ningún modelo, con erros na aplicación Proens e cun panorama desolador por diante: programacións ficticias, formación na empresa irreal, moitísimas dúdidas sobre a dualización dos módulos de segundo sobre todo na oferta modular e un profesorado que xa non soporta máis a burocracia do sistema de calidade.
Son moitos os motivos que nos unen ao colectivo docente do ensino non universitario de Galiza para saír este sábado ás rúas de Compostela nunha manifestación que a CIG-Ensino agarda que sexa o máis ampla posíbel. Por todo isto, chama as familias, organizadas a través das ANPA ou a título individual, e ao estudantado, ao que é preciso facer partícipe desta loita porque os avances que se consigan reverterán sobre todo nel, e ao profesorado a facer fronte común contra a propaganda, os recortes e a censura e en defensa, máis ca nunca, do ensino público galego.
Servizo de autobuses con paradas desde A Guarda até o Morrazo
Para iso a central sindical da comarca viguesa pon a disposición de todas as persoas interesadas un servizo de autobuses con paradas desde A Guarda até o Morrazo. Toda a información sobre horarios e o formulario para anotarse está dispoñíbel en https://www.cig-ensino.gal/autobuses.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario