18 de set. de 2025

TUI

Visita guiada ao patrimonio xudeu da Eurocidade Tui-Valença   

 Este sábado, 20 de setembro, ás 17 h, desde a Oficina Municipal de Turismo, sendo guiada polo historiador Suso Vila  




Infogauda / Tui

 Esta fin de semana continúan as actividades programadas polo Concello de Tui para a celebración das Xornadas Europeas da Cultura Xudía dentro do programa do Setembro Xudeu. Este sábado, 20 de setembro, ás 17 h sairá dende a Oficina Municipal de Turismo, no paseo da Corredoira, unha visita guiada  polo patrimonio xudeu de Tui e de Valença do Minho.  

 Este percorrido pola Eurocidade estará a cargo do historiador Suso Vila, principal especialista na historia da presenza de comunidades xudías e criptoxudías no territorio tudense e valenciano, pois a fronteira foi sempre moi permeable permitindo unha fluída comunicación a través do río Miño. 

 A concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, expresa a súa satisfacción por estas visitas que supón un xeito diferente de achegarse ao acervo patrimonial xudeu e criptoxudeu que atesoura a nosa cidade e que o Concello de Tui promociona xuntamente coas 21 cidades integradas na Red de Juderías de España.  

 A concelleira tudense lembra que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).  

 Ao remate da visita entre as opcións para regresar a Tui está facelo camiñando de novo ou  tomar o tren turístico, cun prezo de 5 € por persoa adulta e 3€ nenos/as.

Ningún comentario:

Publicar un comentario