Tomiño inicia as obras da Casa do Tempo de Sobrada, un espazo pioneiro para gardar a memoria colectiva
• O proxecto, cun investimento de case 800.000 euros, converterá a antiga Casa dos Mestres e escolas unitarias nun centro dixital, interactivo e inclusivo
Infogauda / Tomiño
O pasado e o futuro danse a man en Sobrada. Xa comezaron as obras da Casa do Tempo, un proxecto innovador que transformará a Casa dos Mestres e a antiga escola unitaria construída en 1950 nun lugar destinado á recollida e conservación de documentos gráficos e audiovisuais para a posta en valor dos usos, costumes, patrimonio e tradicións da parroquia.
O proxecto suporá un investimento total de case de 800.000 euros, dos que o Concello achegará case 200.000 de fondos propios, ademais de captar case 600.000 euros de fondos europeos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. A proposta foi elaborada en coordinación coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sobrada e coa colaboración activa da veciñanza.
Este luns púxose a primeira pedra desta Casa do Tempo, un espazo de participación veciñal que estará rematado e aberto á veciñanza na próxima primavera. O concelleiro de Planificación Estratéxica, Uxío Benítez, e a concelleira de Parroquias, Cristina Souto, mantiveron un encontro cos membros do Consello parroquial de Sobrada para informar sobre a planificación da obra nos vindeiros meses.
Neste novo espazo a propia veciñanza poderá contribuír á creación e enriquecemento do arquivo histórico da parroquia. A alcaldesa, Sandra González, resaltou que “a Casa do Tempo é moito máis que unha obra de rehabilitación, é un proxecto que pon á xente no centro e que contribúe a que a memoria de Sobrada se conserve aquí, na propia parroquia e ao alcance de todas as xeracións. Porque investir en memoria é investir en futuro”.
O centro contará con ferramentas dixitais de doado manexo, entre elas unha peza central que permitirá escanear e gardar imaxes sen necesidade de deixalas fisicamente, un arquivo dixital accesible a toda a veciñanza e unha ‘cápsula do tempo’, unha sala onde se poderán gravar testemuños en vídeo sobre aspectos da vida da parroquia, dende nomes de lugares, receitas tradicionais ou festas populares, ata xogos, artes de pesca ou personaxes locais. Ademais, habilitarase unha sala de edición audiovisual e unha sala de xogo dixital para poñer a proba os coñecementos sobre a cultura e o territorio de Sobrada.
Con esta iniciativa, Tomiño dá un paso máis na súa aposta pola innovación social e cultural, creando un banco da memoria viva que preservará a identidade colectiva para as futuras xeracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario