8 de set. de 2025

A GUARDA

Carrero volve mentir. Esta vez coa apertura da Rúa Baixo Muro 

 

O acceso á rúa Baixo Muro desde a rúa Ireira está previsto que sexa desde este lugar
Foto: GMS


Grupo Municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda

 O Grupo Municipal Socialista quere advertir á veciñanza dunha realidade que xa ninguén pode ignorar: o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, minte. Minte con descaro e faino constantemente.  

 Nestes días vimos como, a través das redes sociais do Concello, aseguraba que “non houbera avances significativos” na apertura da rúa Baixo Muro - Ireira ata a compra da parcela realizada agora. Iso é unha MENTIRA en maiúsculas.   

 Cando Carrero chegou ao goberno en 2023 xa o PSOE xestionara a modificación puntual do Plan Xeral que era obrigatorio facer para poder abrir a rúa. Xa lle quedara o proxecto redactado e conseguidos todos os permisos de Patrimonio. Incluso tiña diñeiro para facelo, porque se deixara reservado.   

 Sen todos eses trámites previos, a apertura sería imposible. E todo iso estaba feito antes de que Carrero chegase ao goberno, e a pesar de ter todo iso avanzado retrasou esta obra dous anos, e agora quere poñerse medallas. É incrible a falta de honestidade deste rexedor.   

 Os feitos están aí, e son públicos, e poden comprobarse na web do concello en noticias publicadas en 2019, 2020 e 2022.  

 Pero o problema non é só esta mentira. O problema é que non é a primeira, nin a segunda. Xa nos enganou co tema dos cobros da Deputación, tamén enganou cando afirmou que o Concello quedara sen fondos tras o paso dos/as socialistas, e agora volve facelo con este asunto. Sempre o mesmo patrón: negar a evidencia e manipular a realidade.  

 Un alcalde pode equivocarse, pode ter outra visión, pode mesmo discrepar. O que non pode facer é mentir sistematicamente á cidadanía. Porque cando se perde a confianza, pérdese todo.  

 Nós non imos permitir que se reescriba a historia ao gusto de Carrero. A apertura desta rúa é froito de anos de traballo e planificación, e a veciñanza ten dereito a coñecer a verdade.  

 A Guarda precisa un goberno serio, honesto e que mire polos intereses comúns, non un alcalde que fai da mentira o seu xeito de gobernar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario