10 de set. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Ana Seabra, nova seleccionadora do equipo nacional feminino de Irán 

A adestradora do Mecalia Atlético Guardés compaxinará o seu labor no equipo miñoto coa preparación da Selección de Irán, coa que asinou un contrato de dous anos 

Seabra incorporarase ao conxunto nacional iraniano a vindeira semana, de parón ligueiro, cando viaxará a Teherán para comezar a preparar ao equipo de cara ao seu primeiro obxectivo: o Mundial de finais deste ano 


Ana Seabra vén de ser escollida como nova seleccionadora do equipo nacional feminino de Irán para os próximos dous anos
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés segue a ampliar a súa representación internacional. Esta vez, farao da man da súa adestradora, Ana Seabra, que vén de ser escollida como nova seleccionadora do equipo nacional feminino de Irán para os próximos dous anos. A técnica compaxinará o seu novo posto co seu importante papel na Guarda, viaxando ao país persa nas datas do calendario ligueiro reservadas para a preparación de competicións internacionais. 

 A primeira destas citas será precisamente a vindeira semana, cando a adestradora do Guardés se desprazara a Teherán para incorporarse ao seu novo equipo. Do 15 ao 21 de setembro, Seabra terá tempo para comezar a traballar co plantel, para ao que ten un primeiro obxectivo xa en mente: facer un bo traballo no Campionato Mundial que se celebrará entre novembro e decembro en Alemaña e nos Países Baixos, no que Irán participará por terceira vez consecutiva. 

 A Federación de Balonmán de Irán, que anunciaba esta fichaxe nas súas redes sociais a pasada fin de semana, define á técnica coma “unha das mellores adestradoras actuais en Europa”, ao tempo que pon en valor o seu “brillante currículo” tanto coma xogadora coma dende o corpo técnico da Selección Portuguesa e do propio Mecalia Atlético Guardés. O Club miñoto, pola súa parte, felicítaa por esta gran noticia e deséxalle a mellor das sortes neste novo papel.  

Ana Seabra: “Obviamente é un reto, e unha experiencia que será sen dúbida moi enriquecedora” 

 A adestradora do Guardés declarou sobre o seu novo posto de seleccionadora feminina iraniana que está “contenta por ter a oportunidade de traballar cun país que demostrou o seu desexo de medrar no balonmán asiático”, poñendo en valor a aposta do equipo e as súas ganas por facer un bo Mundial. 

 “Obviamente, e un reto”, explica Seabra, pero destaca que será sobre todo “unha experiencia, sen dúbida, moi enriquecedora”. En canto á súa compaxinación co seu importante papel como preparadora do Mecalia Atlético Guardés, a técnica indicou que colaborará man a man co staff da selección persa “e presencialmente, durante as semanais internacionais, pero coa organización que sempre tiven nos últimos anos xunto ao Club”, lembra, en referencia á ocasión na que colaborou como adestradora axudante da Confederación Paraguaya de Handball o ano pasado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario