Luis López anuncia a aprobación dunha nova liña de axudas da Deputación dotada con 200.000 € para que as agrupacións musicais da provincia adquiran e reparen instrumentos e vestiarios
• “Este é un goberno que escoita e estas axudas responden a un clamor do mundo da cultura”, explicou o presidente quen amosou o seu desexo de que sirvan para avanzar “no reforzo da calidade das nosas agrupacións co obxectivo de que sigan espallando cultura como motor de cambio, dinamización e transformación social”
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno unha nova liña de axudas dotada con 200.000 euros para que as agrupacións musicais de entidades sen fins de lucro da provincia poidan adquirir e reparar instrumentos e vestiarios. As axudas destinarán ata 3.000 euros a cada entidade, sempre que non exceda o 75% do orzamento, e o prazo para solicitalas será dun mes desde a publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
“Este é un goberno que escoita, moitas veces fóra do ollo público, analiza problemáticas e atende demandas, necesidades e inquedanzas de todos os colectivos da provincia”, explicou Luis López quen resaltou que “estas axudas responden a un clamor do mundo da cultura, que así nolo formularon e que, tras realizar unha análise rigorosa, decidimos poñer en marcha este ano”. Ao respecto, o presidente provincial amosou o seu convencemento de que serán “moi ben acollidas” e permitirán “reforzar a calidade das nosas agrupacións musicais, para que sigan espallando cultura como motor de cambio, dinamización e transformación social”.
Estas novas subvencións que pon en marcha o goberno provincial, con 200.000 euros de orzamento, contará con dúas liñas de axudas. Unha primeira, centrada na adquisición de instrumentos e vestiario, que estará dotada con 170.000 euros, e a segunda, para a reparación de instrumentos e vestiario, que contará con 30.000 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario