A XUNTA DE GALICIA REPARTIRÁ MÁIS DE 70.000 EUROS EN PREMIOS NA 16º EDICIÓN DO CERTAME XUVENTUDE CREA
• Trátase dun programa que pretende fomentar e apoiar a creación artística entre a mocidade galega
• Dende a súa creación, o certame repartiu máis de 600 premios por valor de preto de un millón de euros
Infogauda / Pontevedra
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, informou esta mañá, xunto á directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, sobre a nova edición do certame Xuventude Crea, que este ano celebra a súa 16º edición.
Trátase dunha iniciativa que ofrece á mocidade de entre 16 e 30 anos a oportunidade de mostrar o seu talento artístico en moi diversas disciplinas funcionando como un escaparate e canle de divulgación para dar a coñecer as súas propostas.
O certame pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación, ademais de actuar como estímulo económico para a xuventude. O prazo de presentación de solicitudes, que se realizan preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta, remata o 29 de setembro.
O Xuventude Crea 2025 contará con 16 categorías, entre elas: artes plásticas (modalidades de pintura e escultura), arte urbana, banda deseñada, cociña, creación de contido, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, DJ, fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación. Por cada categoría, os premios económicos serán de 2.000€ para o primeiro, 1.500€ para o segundo e 1.000€ para o terceiro. Ademais, haberá un premio especial de 1.000€ para a modalidade de música clásica na categoría de música e poderanse outorgar mencións de honra a aquelas obras que consigan chegar á fase final.
Ademais do premio económico, os gañadores terán a posibilidade de entrar na selección dun programa de formación e mentorizaxe para poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ademais de participar en importantes eventos de referencia no sector artístico tanto de carácter autonómico, nacional e internacional onde poderán expoñer as súas obras e difundir o talento da mocidade galega.
O delegado territorial aproveitou a súa intervención para destacar o “compromiso da Xunta coa promoción e o fomento do talento dos mozos e mozas” e sinalou que a explosión creativa que se está vivir nos últimos anos en Galicia “é resultado da cultura do esforzo que define aos galegos, pero tamén dunha aposta decidida da Xunta polo sector cultural”.
Pola súa banda, Meneses lembrou que, dende a súa creación, “participaron neste certame máis de 5.300 mozos e mozas con case 4000 obras e proxectos creativos e repartíronse 633 premios por importe de 966.050 euros e máis de 80 mencións de honra”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario