1 de set. de 2025

OIA

O Concello de Oia recoñece o esforzo do alumnado a través dos seus primeiros Premios á Excelencia Académica   

  

Casa do Concello de Oia
Foto: HombreDHojalata

Infogauda / Oia  

 O Concello de Oia convoca a primeira edición dos seus Premios á Excelencia Académica co obxectivo de abrir un espazo público de recoñecemento e recompensa ao esforzo realizado polos e polas estudantes durante o pasado curso 2024-25. Con estes galardóns, a Administración local quere recoñecer o mérito, engadir un estímulo para o alumnado e alentar a dedicación ao estudio das novas xeracións.   

 En total entregaranse tres premios por cada unha das 4 categorías previstas, que se corresponden coas seguintes etapas educativas: Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional de grao medio. As persoas galardoadas recibirán un agasallo e un diploma acreditativo.   

 Os agasallos irán en función da categoría e do premio acadado. Así, en Educación Primaria e Secundaria o primeiro premio recibirá un agasallo por valor aproximado de 200 euros, o segundo premio por valor de 100 e o terceiro por valor de 50. Pola súa banda, en Bacharelato e Formación Profesional de grao medio o agasallo do primeiro premio terá un valor aproximado de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 100 euros.  

 Para poder optar aos premios, os e as estudantes deberán cumprir os seguintes requisitos: estar empadroados no concello de Oia dende o inicio do curso 2024-25, ter rematado o último curso da etapa educativa na que participa durante o período escolar 2024-25 (é dicir, ter cursado 6º de primaria, 4º da ESO, 2º de Bacharelato ou 2º curso de FP de grado medio) e ter acadado unha nota media mínima de 9 puntos en toda a etapa educativa na que participa.  

 As bases destes premios están xa dispoñibles na sede electrónica do Concello, onde tamén se pode descargar o correspondente modelo de solicitude. Estas solicitudes poderán presentarse entre o día 1 e o 30 de setembro (ambos incluídos). Nos casos en que o/a estudante sexa menor de idade, deberá figurar como persoa solicitante a nai/pai/persoa titora do/a menor.   

 As candidaturas que cumpran os requisitos especificados nas bases destes galardóns á excelencia académica serán avaliadas por una comisión técnica de valoración que emitirá un informe cos resultados da súa deliberación. Finalmente, o Concello de Oia organizará un acto público institucional de entrega de premios como recoñecemento ao mérito e esforzo do alumnado galardoado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario