A Deputación de Pontevedra avanza no ciclo de Artes Vivas da Bienal coa exploración do baile flamenco de Leonor Leal
• A bailaora xerezana achégase a través do baile a ausencia de textos escritos sobre o flamenco, este venres 19 de setembro ás 20:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra avanza na programación de Artes Vivas da Bienal cunha nova actuación en Pontevedra, a penúltima do ciclo. Comisariado por Iñaki Martínez Antelo, o ciclo está a percorrer diferentes puntos da provincia activando espazos urbanos, patrimoniais e industriais que se transforman en escenarios efémeros abertos ao público co obxectivo de conectar a creación contemporánea co territorio e os seus habitantes, favorecendo novos encontros e experiencias culturais. Nesta ocasión, El lenguaje de las líneas, de Leonor Leal, chega este venres 19 de setembro ás 20:00 horas ao Teatro Principal de Pontevedra. Entrada libre ata completar a capacidade.
Leonor Leal, bailaora e creadora contemporánea, optou por habitar o teatro desde unha óptica innovadora e distinta. El lenguaje de las líneas preséntase como unha charla bailada. A ascendente creadora, que se move no territorio do novo flamenco, quere compartir as súas inquietudes sobre a ausencia de textos escritos sobre flamenco. Non será unha conferencia con ela sentada fronte a un micrófono soltando un discurso, senón un match entre corpo e palabra.
Leonor Leal (Xerez da Fronteira) é unha bailaora singular e versátil, de formación sólida. Obtén a titulación en Ballet Clásico pola Real Academia de Danza do Reino Unido e en Danza Clásica e Danza Española polo Conservatorio de Danza de Sevilla. A súa traxectoria solista é apoiada por diversos galardóns ao seu traballo como intérprete e creadora de coreografías e espectáculo, coma o Premio Bailarina Sobresaliente do Certame Coreográfico Danza Española e Flamenco (Madrid, 2008), o Premio Artista Revelación do Festival de Xerez (2011) por eLe eLe e dúas candidaturas aos Premios Max como mellor intérprete feminina de danza e mellor espectáculo de danza por Nocturno. As súas obras exhibíronse nas principais mostras europeas e americanas de flamenco, coma as bienais de Sevilla e Holanda ou os festivais de Xerez, Düsseldorf, Esch-Luxemburgo, Nîmes, Mont de Marsan, Toulouse, Londres e Nova York.
Ningún comentario:
Publicar un comentario