10 de set. de 2025

A GUARDA

Manuel Cerviño presenta o seu libro “Ti, a miña grande obra” e a exposición “Mesturas”

• A presentación do libro e a inauguración da exposición terá lugar o venres, 12 de setembro, ás 20:00h na Casa dos Alonso




Infogauda / A Guarda 

 Antes do remate do verán, a Casa dos Alonso vai acoller a exposición “Mesturas” de Manuel Cerviño. O artista de Bueu tamén presentará o seu libro “Ti, a miña grande obra”.  

 Esta obra publicouna no ano 2020, e a meirande parte das súas palabras están baseadas en sentimentos vividos: tristuras, paixón...  Segundo o propio autor, a orixe está nun día en que rompeu unha relación tormentosa. A raíz desta experiencia comezou a expresar a súa rabia interior e todo canto sentía, en poemas, que agora podemos gozar nesta publicación.  

 Ademais da súa achega literaria, Manuel Cerviño presentará a súa exposición de pintura “Mesturas”. Cerviño descubriu a súa paixón pola pintura vivindo en Ons, onde o mar e a contorna o inspiraron profundamente. Os seus cadros caracterízanse pola temática das paisaxes de costa e polo tratamento da cor.   

 A presentación do seu libro e a inauguración da exposición terá lugar o venres, 12 de setembro, ás 20:00h na Casa dos Alonso. 

 Despois, a exposición estará aberta a visitas de luns a venres de 9 a 14h ata o próximo mércores 24 de setembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario