A Deputación abre o prazo de inscrición para participar nun obradoiro de poesía en Pontevedra
• Trátase dunha actividade enmarcada no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade, que será impartida por Dores Tembrás e Antía Otero, de Apiario, no Edificio administrativo da institución provincial
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra pon en marcha un obradoiro para ler poesía enmarcado no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo Provincial pola Igualdade. A acción leva o título de “Poetas coma Lóstregos. Ler a Poesía que Refulxe”, será impartida polas poetas Dores Tembrás e Antía Otero, do proxecto literario Apiario, e contará con catro sesións, o 18 e 25 de setembro e o 2 e 9 de outubro en horario de 19:30 a 21:30 horas. A actividade oferta 20 prazas e as inscricións xa se poden realizar a través do enderezo electrónico participa.igualdade@depo.es.
“Poetas coma Lóstregos. Ler a Poesía que Refulxe” é unha oportunidade para achegarse á palabra poética a carón da produción literaria de autoras galegas contemporáneas: Xohana Torres, Luisa Villalta, Carmen Pereiras, Ana Romaní, Lucía Aldao, María Lado, Susana Aríns e Antía Otero. O obxectivo do obradoiro é atallar os prexuízos co xénero e afondar no acontecemento poético, atendendo a teorías que nos poñan en contacto con algunhas das obras máis relevantes das últimas décadas. Abordaranse conceptos como silencio, música do poema, ritmo, poder de suxestión, evocación, corte do verso ou imaxe para construír un espazo onde as persoas participantes serán tamén protagonistas a través das súas lecturas. O fío condutor será precisamente o que refulxe en cada unha das poéticas e que permitirá destacar os motivos centrais, teimas e obsesións que configuran a singularidade de cada unha das propostas.
Mulleres de Palabra(s) é unha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra na que as protagonistas son as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. Durante seis meses o programa está a reivindicar a palabra das escritoras do pasado e de 15 escritoras actuais da nosa provincia a través de conversas, lecturas e recitais, ademais de obradoiros de lectura a través da poesía, da narrativa e do bordado de palabras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario