1 de set. de 2025

CULTURA

A Xunta despedirá a mostra de Úbeda no museo Gaiás cun concerto de cámara dirixido por Rogelio Groba Otero 

• A actuación, prevista para o sábado 6 de setembro, ás 12:00 horas, inspírase no protagonismo da música no universo do pintor pontevedrés


O concerto celebrarase na propia sala que acolle a exposición
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela 

 A Xunta de Galicia organizará un concerto de cámara dirixido por Rogelio Groba para despedir a exposición Rafael Úbeda. Visión retrospectiva que se exhibe na Cidade da Cultura desde o pasado mes abril. Deste xeito, a actuación, que terá lugar no Museo Centro Gaiás o vindeiro sábado, ás 12:00 horas e con entrada de balde, celebra o papel protagonista da música no universo creativo do pintor.  

 Comisariada por Pilar Corredoira, a retrospectiva rende homenaxe a unha figura indispensable da pintura galega e permite comprender a obra dun artista que, aos 93 anos, segue en activo. Así, Úbeda, quen tamén é un violinista talentoso, preséntase como un autor sinestésico pola súa capacidade para ver cores nos ritmos e ritmo nos cores, o que explica a importancia da música na súa obra, como se pode comprobar na selecta escolla de cadros elixidos entre por el mesmo e a comisaria para exposición do Gaiás.  

 O concerto celebrarase na propia sala que acolle a exposición, coa intención de que o espazo contribúa a xerar unha atmosfera onde pintura e música se mesturen nunha envolvente e sensorial experiencia artística. Rogelio Groba Otero será o encargado de dirixir ao ensemble da Fundación Rogelio Groba nun concerto de cámara no que se interpretarán obras do compositor ruso Dmitri Shostakóvich, un dos autores que máis ten inspirado a Úbeda, así como pezas de Rogelio Groba Groba, relevante compositor galego do último século que lle dá nome a dita fundación.  

 A mostra, que recibiu preto de 20.000 visitantes desde a súa inauguración, pode visitarse ata este domingo, 7 de setembro, un día despois do concerto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario