A banda deseñada portuguesa, «viva, diversa e en crecemento»
• Entre o crecemento do mercado, a presenza das mulleres e os novos camiños da edición, os autores portugueses Raquel Costa e Nuno F. Cancelinha e o editor Marcos Farrajota defenden que a BD continúa a ser un territorio de diversidade e liberdade
Infogauda / A Coruña
Raquel Costa (Porto, 1979) e Nuno F. Cancelinha (Trás-os-Montes, 1982) son cofundadores do Little Black Spot Creative Studio, onde desenvolven traballos de ilustración, publicidade e banda deseñada. En conxunto publicaron A Cortina das Aves Canoras – Prelúdio (2018) e participaron en todos os volumes da antoloxía Ditirambos. No festival Viñetas desde o Atlántico, compartiron espazo co editor Marcos Farrajota (Chili com Carne) para reflexionar sobre o presente e o futuro da BD en Portugal, os seus desafíos e a súa internacionalización.
Como describiriades a
situación actual da banda deseñada?
Raquel
Costa.—Eu
describiríaa como un mercado en crecemento. Afortunadamente. Está a haber unha
aposta maior a nivel de publicación por parte das editoriais, unha
diversificación de públicos e unha diversidade de xéneros e contidos, porque
temos produción máis mainstream, temos autores que traballan para a
industria norteamericana, temos moita produción de banda deseñada máis
experimental tamén, temos moitos colectivos e autores individuais a explorar o
formato fanzine. Polo tanto, penso que, afortunadamente, se ve un certo
crecemento que considero moi saudable. Non sei se, Nuno, queres falar un pouco
do noso proxecto no que estamos implicados.
Nuno F. Cancelinha.—Collendo o fío do que dixo Raquel, o noso proxecto xorde nun punto intermedio entre un proxecto algo comercial, pero tamén cun espírito independente, na medida en que boa parte dos autores implicados, aínda que xa teñen un longo percorrido en banda deseñada (algúns con décadas de carreira, como o caso de Diogo, ou con máis visibilidade no mercado, como Joana Afonso ou André Caetano), tamén hai xente coma nós, que somos sobre todo grandes afeccionados ao cómic e que tamén gustamos da parte editorial. Traemos esa experiencia á publicación. Polo tanto, e como di Raquel, o mercado do cómic está a medrar, é excelente que haxa expresións diversas, e o noso proxecto conseguiu atopar un oquiño nese nicho, nese cruzamento entre unha expresión máis independente, máis autoral, e unha expresión tamén comercial, porque tamén é necesaria.
Cal é o principal xénero da banda deseñada en Portugal? Que particularidade ten?
Marcos
Farrajota.—Ben,
como dixo Raquel, actualmente hai un pouco de todo, e iso é interesante para un
país que sempre tivo un mercado moi débil e sobre todo moi tradicionalista. Ao
contrario que España, que tivo a Calpurnio, Nazario, Max etc., en Portugal
somos un país de bos costumes, moi ben comportado, por así dicilo. Iso inflúe
moito cando os editores non apostan en novidades e autores locais.
Especialmente en termos contemporáneos, iso inflúe nos lectores, nos novos
artistas, nas xeracións seguintes, e convértese nun círculo vicioso. Eu penso
que aínda non se rompeu, porque hai unha historia demasiado pesada, moi ligada
a esa cultura tradicionalista. Pero sempre houbo voces disonantes, e
actualmente, vendo o que se ofrece, e grazas a que co medio dixital é máis
fácil editar, conséguese moita máis variedade ca hai 20 ou 30 anos.
E o mercado portugués como funciona fóra, en Galiza, en España ou noutros países?
Marcos
Farrajota.—Hai
un fenómeno curioso, que é Polonia. Moitas obras portuguesas foron traducidas
alí. Isto débese a unha persoa que foi estudar portugués converteuse en
tradutor e nunha especie de embaixador da BD portuguesa, e grazas a el
publicouse moita BD en Polonia. O resto son experiencias pequenas aquí e acolá.
Por exemplo, O Cuidado dos Pássaros, de Francisco Sousa Lobo, editouse
aquí. Pero son cousas pequenas, aínda que este libro (El cuidado de los
pájaros) foi publicado polo selo de Penguin Random House en España. Son
cousas que acontecen por casualidade. Penso que ten que ver co feito de que non
houbese un formato previo establecido desta nova vaga chamada novela gráfica (termo
que non me gusta nada). Como non había esa experiencia, non hai obras
suficientes para publicar fóra de Portugal. Pero si, acontecen cousas aquí e
acolá, de forma caótica, aleatoria.
E o lugar das mulleres na BD?
Raquel
Costa.—É
inevitable dicir que o mundo do cómic en Portugal, como penso que no mundo
enteiro, está moi dominado por homes. Aínda é un estigma difícil de rachar e
nótase moito nos eventos e festivais: hai unha presenza masculina forte, moitos
autores, editores, organizadores son homes. Iso non é malo en si mesmo, non é
unha crítica. Penso que hai apertura, e esa é a parte positiva. Hai máis
apertura para a entrada de mulleres, temos moitas autoras a producir: Joana
Afonso, Sofia Neto, no propio Ditirambos, despois Bia Costa, Joana Mosi,
Joana Estrela, en expresións moi diversas, autoras que recibiron recoñecemento.
Temos tamén editoras mulleres e persoas ligadas á organización de eventos. Son
sinais positivos de cambio, e hai homes aliados, o cal é moi importante. É un
mundo aínda maioritariamente masculino, por tradición, pero co crecemento do
mercado comezan a aparecer sinais de mudanza. Aínda queda moito camiño.
Marcos Farrajota.—Eu quería diverxer un pouco. Moi simple: penso que non é totalmente certo. Mesmo houbo moitas mulleres á fronte de grandes editoriais no pasado, como Maria José Pereira, ou na Arte do Autor. Non penso que sexa un mundo dominado por homes. O problema é a tradición do mercado, que elas non romperon. Sempre houbo autoras, pero tardou moito; por exemplo, a publicación de Persépole, de Marjane Satrapi, un best-seller mundial. Houbo falta de sensibilidade das editoriais. Se se publicase logo, quizais aparecerían moitas máis mulleres. Sabemos que cada vez que sae unha autora, iso desata moitas máis no futuro. Polo tanto, é complicado.
Que consello lles dariades ás novas xeracións que queiran comezar na BD?
Nuno
F. Cancelinha.—É
unha cuestión difícil. Penso que as novas xeracións non nos ven a nós como
referentes a quen lles pedir consello. E nós tamén temos a conciencia de que
quizais non sexamos os máis indicados. Pero hai algo importante: a gran
diferenza entre a nosa xeración e as novas é que, como dixo o Marcos, Portugal
é un país tradicionalista, e a arte nunca foi unha manifestación cultural
expandida. Hoxe vexo moitos mozos traballando arreo para gañar velocidade de
escape, para lanzarse a un mercado (sexa BD, música, cinema...). En Portugal,
as cousas pasan caoticamente, puntualmente, nunca hai un gran plan, son
esforzos fugaces. O que eu diría é que persistan. Porque as súas voces son as
que fan falta agora e no futuro.
Raquel Costa.—E que veñan a festivais como o Viñetas, coñecer a comunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario