25 de ago. de 2025

TUI

Eris Mackenzie actuará no Festival Boas Vibes 

•   Será o sábado, 6 de setembro, ás 22:00 horas, na Alameda de San Domingos 

 



Infogauda / Tui

 Eris Mackenzie é un dos artistas que actuará no Festival Boas Vibes que se vai celebrar o sábado, 6 de setembro, na Alameda de San Domingos. Cun son de indie-pop electrónico estará en concerto ás 22:00 horas pechando unha xornada chea de música e actividades para a mocidade.  

 Eris Mackenzie é o proxecto en solitario do galego Carlos Eirís. Autodidacta no ámbito musical, a través da súa paixón e inquedanza, quixo experimentar con distintos instrumentos e técnicas.  

 Na súa carreira como solista, Eris Mackenzie apóiase nun piano e nun ordenador para crear a súa música, que viaxa entre a electrónica, minimal e house fusión con tradicional galego.  

 Anteriormente foi fundador e integrante do grupo LORA, unha banda coruñesa creada no ano 2018 coa que gañou distintos premios musicais a nivel galego e nacional, ademais de ser finalista en concursos coma o Cooltural Fest de Málaga ou o Vodafone Yu Music Talent.  

 Eris Mackezie chegará o próximo 6 de setembro a Tui para no marco do Festival Boas Vibes, para interpretar temas como “Meu ceu”, “Lavadoiro”, “Dime se me queres”,… fusionando a música tradicional galega co minimal-tecno. A cita será na Alameda de San Domingos ás 22:00 horas, con entrada libre.   

 O festival Boas Vibes brindará unha xornada repleta de  música, faladoiros, cultura en vivo e creatividade o próximo 6 de setembro en Tui. A programación completa pode consultarse en tui.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario